Estudantes de 22 nacionalidades participan nos cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros
Dende o verán de 1988 celébranse de maneira interrompida na USC os cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia. Ao longo das súas vinte e seis edicións pasaron por estas aulas máis de 2.500 persoas de moi diversos países de todo o mundo que se achegaron directamente á lingua e á realidade sociocultural deste país para logo serviren de embaixadores culturais de Galicia nos seus lugares de orixe. Nesta ocasión están matriculados 65 estudantes de 22 nacionalidades, que dende este xoves 3 e ata o 24 de xullo asistirán a conferencias sobre antropoloxía cultural, literatura, historia, arte e outros eidos socioculturais, xunto con proxeccións de películas e documentais en galego así como visitas a lugares de especial interese cultural da cidade e fóra dela. O acto inaugural de benvida terá lugar este xoves 3 ás 12.00 horas no Salón de Actos de Filosofía (Praza de Mazarelos). Presidido polo reitor Juan Viaño, participan ademais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Xersús Alonso Montero; o director do Instituto da Lingua Galega da USC, Ernesto González; e o director dos cursos, Xosé Luís Regueira. Entre o seu profesorado e persoal colaborador os cursos contan con relevantes figuras da lingüística, dos estudos literarios, da cultura, dos medios de comunicación e dos ámbitos máis dinámicos e creativos da cultura e da sociedade galega. Así, entre outros participarán Belén Regueira, Xosé Manuel Pereiro, Agustíon Fernández Paz, Francisco Fernández rei, Luís Iglesia, Xabier Díaz, Quico Cadaval, Xosé Ramón Barreiro ou Henrique Monteagudo.