Pasar al contenido principal

Xornada de portas abertas na Aula de Produtos Lácteos co gallo da celebración do Día Mundial do Leite

A Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela celebra hoxe unha xornada de portas abertas co gallo do Día Mundial do Leite, unha data fixada pola FAO coa pretensión de incentivar o consumo de produtos lácteos en todo o mundo, na que agarda a visita duns 130 alumnos dos institutos de Ensino Secundario Leiras Pulpeiro e Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, así como do IES Ortigueira, de A Coruña.

A programación das visitas xa previstas desenvolverase entre as 9.30 e as 14.00 horas. Unha vez que estean dentro das instalacións da Aula de Produtos Lácteos, os estudantes poderán realizar unha visita aos talleres e aos laboratorios da planta piloto para así coñecer o seu funcionamento. Asemade, os mozos e mozas presentes tamén terán a oportunidade de participar en obradoiros de elaboración de natillas e de queixería. O director da Aula de Produtos Lácteos da USC, Juan Méndez Dónega, así como outros membros do personal deste centro, darán unha breve charla aos asistentes sobre as tendencias e as estratexias da innovación no sector alimentario. Todos os participantes na visita ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos do campus de Lugo serán agasallados cun lote de diversos produtos lácteos aportados polas empresas Clesa, Feiraco e Innolact, que son as patrocinadoras do proxecto ‘A ciencia dos alimentos’, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Escola Politécnica Superior de Lugo e financiada pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2013.