Profesorado de todos os niveis poderá mellorar as súas habilidades informacionais nun curso do Idega
O grupo gis-T do Idega desenvolverá entre os meses de xaneiro e febreiro un curso sobre habilidades informacionais dirixido especificamente a docentes e que conta co recoñecemento como formación permanente da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. O curso tentará concienciar da importancia que adquire o correcto tratamento da información no proceso de aprendizaxe do alumnos nos diferentes niveis educativos. As competencias informacionais son o conxunto de habilidades, aptitudes e coñecementos que capacitan aos individuos para recoñecer cando precisan información, onde e como atopala, para avaliar a súa idoneidade e para saber darlle o uso adecuado de acordo coa necesidade que se lles presentan. O curso do grupo gis-T pretende dotar a formadores/as en xeral da capacidade para obter a información máis pertinente para satisfacer unha necesidade de información concreta. Da mesma maneira, representa un reto para docentes, que poderán poñer en práctica novas metodoloxías de ensinanza e aprendizaxe que estimule a adquisición destas competencias entre os seus estudantes, co fin de converterse en factor clave para o desenvolvemento das súas futuras actividades profesionais. O deseño do programa do curso permitirá identificar que tipo de recursos de información son os máis adecuados para cada necesidade informativa, mellorar a capacidade para utilizar as fontes, exercer un control de calidade na selección e a pertinencia da información seleccionada ou utilizar, transformar e comunicar a información de maneira efectiva ante unha necesidade concreta e dunha maneira ética. O curso está dirixido a profesorado de primaria, secundaria e formación profesional, titulados/as en Ciencias da Educación, estudando do Máster en Profesorado, outros titulados/as e estudantado con vocación docente. As clases realizaranse os venres 10, 17, 24 e 31 de xaneiro próximo, en horario de 17.00 a 20.00 horas, e todos os venres do 7 ao 21 de febreiro co mesmo horario e o venres 28 de 16.00 a 21.00 horas. As persoas interesadas en acadar máis información poden dirixirse á web grupo gis-T.