Pasar al contenido principal

A USC amplía a súa oferta de títulos co Grao de Robótica

A USC amplía a súa oferta de títulos co Grao de Robótica
A USC amplía a súa oferta de títulos co Grao de Robótica
Impartirá ademais no curso 2019-20 sete novos mestrados

A oferta académica da Universidade de Santiago para o próximo curso 2019-20 incluirá o Grao de Robótica, segundo aprobou este luns o Consello Galego de Universidades. Este novo título, único no SUG e que ata o momento só se podía cursar nas Universidades Rey Juan Carlos e Alacante, ofrece 50 prazas de novo ingreso para o primeiro curso.

O grao, que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presenta un programa académico cunha estrutura total de 240 créditos, repartidos ao longo de catro cursos e distribuídos en 60 créditos de formación básica, 126 de materias obrigatorias, 30 créditos optativos, 12 créditos en prácticas externas obrigatorios e 12 créditos no Traballo Fin de Grao.

O itinerario académico do grao en Robótica posibilitará ao alumnado comezar a ensamblar e programar robots reais dende o primeiro curso, grazas a existencia de materias de proxectos integrados, de carácter totalmente práctico, e nas que porá en xogo os coñecementos adquiridos noutras materias para a resolución de retos en robots. O título contempla unha mención en AgroRobótica, para a que deberá seguirse un itinerario formado por 30 créditos ECTS de materias relacionadas coa especialización escollida optando entre unha oferta de 6 materias.

Ampliación da oferta de posgrao A oferta académica da USC para o curso 2019-20 tamén depara unha renovación e ampliación da súa programación de posgrao oficial. Daquela, ao amplo abano de títulos existente súmanse os mestrados en Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do Crecemento e o Desenvolvemento; Enxeñaría de Procesado de Alimentos; Investigación en Ciencias da Visión; Psicoloxía; Psicoloxía do Traballo e da Organizacións e Psicoloxía Xurídica-Forense, e Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia dos Materiais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2019.