A USC e Sanofi Pasteur MSD desenvolverán o III Curso de especialización en vacinas
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Sanofi Pasteur MSD (SPMSD), única empresa en Europa dedicada exclusivamente a vacinas, asinaron un acordo de colaboración para o desenvolvemento do III Curso de especialización en vacinas. É unha iniciativa que ofrecerá formación específica no eido das vacinas a profesionais da saúde – médicos/as de Atención Primaria, Pediatría, Medicina Preventiva ou Saúde Pública e enfermeiros/as- tendo en conta os beneficios que reportan en materia de saúde pública. Este curso semipresencial impartirase baixo a dirección do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Juan Jesús Gestal Otero, e do profesor Agustín Montes Martíne,. Ambos coinciden en destacar a necesidade dos profesionais sanitarios de reforzar e actualizar o coñecemento sobre vacinas xa que en poucos anos experimentaron unha grande evolución, pasando das formulacións clásicas ás vacinas de enxeñaría xenética e de xenética reversa. Ademais, a emerxencia de enfermidades infecciosas incrementou o desenvolvemento de novas vacinas fronte ao crecente desafío infeccioso. O Curso A formación impartirase na Facultade de Medicina da USC entre outubro de 2013 e xuño de 2014. O alumnado terá a opción de realizar o curso completo ou algún dos nove módulos individuais que permitirán obter os créditos correspondentes de Formación Continuada. No seu conxunto, o programa docente abarca distintas materias entre as que destacan epidemioloxía aplicada ás vacinas, vacinas sistemáticas na infancia e vacinacións no adulto, vacinas en situacións especiais, desenvolvemento de novas vacinas e aspectos éticos e legais no ámbito das vacinas.