Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría inicia o proceso de acreditación EUR-ACE do título de grao en Enxeñaría Agrícola e do máster en Agrónomos

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC
Un panel de expertos da Aneca completa este xoves a avaliación de parámetros das dúas titulacións e a quenda de reunións con alumnos, docentes e empregadores
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC vén de iniciar o proceso de acreditación EUR-ACE do título de grao en Enxeñaría Agrícola e do máster en Enxeñaría Agrónoma, as dúas titulacións do ámbito das enxeñarías que competencias reguladas impartidas no centro que aínda non gozan deste selo de calidade internacional, un distintivo acreditativo outorgado pola European Network for Acreditation of Engineering Education (Enaee) e promovido polo Instituto de Ingeniería de España a partir de informes previos elaborados pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca), un organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Cómpre lembrar que a EPSE da USC xa acadou a acreditación EUR-ACE para os títulos de grao en Forestais e Enxeñaría Civil, así como para o máster en Enxeñaría de Montes.

O panel de expertos da Aneca encargado da elaboración do informe previo dos títulos de Agrícolas e Agrónomos impartidos pola USC na EPSE completou este xoves os labores de análises e supervisión de diversa información relativa ao funcionamento das dúas titulacións obxecto de acreditación, logo de manter diversas reunións de traballo con docentes, alumnos, ex alumnos, así como cos coordinadores de cada un dos títulos e mesmo con empregadores/as de enxeñeiros egresados do centro universitario lugués.

A comisión externa encargada deste traballo está integrada por profesionais adscritos a catro universidades españolas, tales como o son a Politécnica de Madrid, Valencia e Cartagena e a Universidade de Sevilla. Esta comitiva, que comezou o seu traballo este mércores nun primeiro encontro con todas as persoas que conforman o equipo de dirección da EPS de Enxeñaría que dirixe o profesor Tomás Cuesta e no que, entre outros, tamén participaron o vicerreitor de Planificación Estratéxica da USC, Gumersino Feijoo Costa, e o vicexerente do campus de Lugo, Emilio Martínez Rivas, ademais dos coordinadores do título de grao en Enxeñaría Agrícola, Adolfo López Fabal, e do máster en Agrónomos, Santiago Pereira Lorenzo.

Logo desta primeira reunión, o panel da Aneca mantivo diversos encontros a demanda con docentes, estudantes e egresados, ademais de analizar e supervisar diversos TFG e TFM presentados no citado centro universitario. Este intenso proceso de inmersión realizado polo panel de expertos da Aneca chegou este xoves ao seu remate cunha sorte de acto de clausura no que tamén estivo presente a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e durante o que a citada comisión externa trasladou algunhas das impresións advertidas e que, de seguro, estarán reflexadas no informe escrito que nas próximas datas remitirán a Aneca.

A acreditación expedida pola Enaee, un procedemento externo de avaliación de calidade promovido polo Instituto de Enxeñaría de España e desenvolvido en coordinación cos procesos impulsados pola Axencia Nacional Española de Avaliación da Calidade (Aneca), constitúe un selo de calidade internacional que afecta tanto ao centro universitario e ás titulacións acreditadas como ao propio alumnado titulado durante o período transcorrido desde a solicitude deste proceso de certificación de calidade ata o remate da súa vixencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.12.2019.