Recoñecidos expertos matemáticos presentan en Santiago as súas publicacións
No marco das actividades programadas no Congreso Bienal da Real Sociedade Matemática Española (RSME) que se desenvolve toda esta semana na USC terá lugar a presentación de dúas publicacións científicas. A primeira será este mércores ás 20.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas. O especialista en lóxica alxebraica e historia das matemáticas da Universidade de Barcelona Josep Pla i Carrera presenta El teorema de Gödel. Un análisis de la verdad matemática, un libro publicado pola RSME dentro das actividades do Ano Turing. Na presentación participarán tamén o editor xeral da RSME, Joan Elías; o comisario do Ano Turing 2012, Juan José Moreno Navarro; e o presidente da RSME, Antonio Campillo.
Xa este xoves 24 será a quenda do libro Análisis Funcional, da autoría de Bernardo Cascales, José Manuel Mira, José Orihuela e Matías Raja, recoñecidos profesores da Universidade de Murcia e especialistas en análise matemática. A Real Sociedade Matemática Española inicia con este libro a colección <<Textos Universitarios>> en colaboración con Ediciones Electrolibris. A presentación será no mesmo sitio ás 13:30 horas coa intervención de Bernardo Cascales e do editor xeral da RSME, Joan Elías.