Concerto da Orquestra do Espazo de Cámara da USC esta noite na Igrexa da Universidade

A Música Descritiva é o común denominador das pezas que a Orquestra do Espazo de Cámara da USC vai executar nun concerto este mércores 20 na Igrexa da Universidade a partir das 20.00 horas. O programa desta sesión inclúe diversos movementos da Battalia à 10 de H.I. Biber, a Marcha funeraria dos Monicreques de Ch. Gounod e Peer Gynt Suite nº 1 de E. Grieg. O Espazo de Cámara da USC nace co obxectivo de impulsar nos universitarios novos e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixe fundamental é a música. Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, o grupo que conforma a Orquestra da USC, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para este fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, que se van plasmando de xeito diverso en cada proxecto. Dende o 2010 a Orquestra da Universidade afondou en proxectos como o aniversario de Debussy polo seu 250 pasamento, co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento; o concerto de Haydn en D interpretado por Carlos G. Amigo; así como un monográfico sobre Astor Piazzolla, entre outros, onde na pasada tempada se incorporan ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia e profesores relevantes do ámbito musical galego.