Anthony James Leggett, Nobel de Física en 2003, inaugura a oitava edición do Programa ConCiencia

O vindeiro 7 de marzo arranca a oitava edición do Programa ConCiencia de divulgación científica coa visita de Sir Anthony James Leggett, Premio Nobel de Física en 2003 polas súas "contribucións pioneiras á teoría dos supercondutores e superfluidos". Esta edición do programa, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Economía e Competitividade. A conferencia pública que Leggett pronunciará o 7 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Novagalicia Banco (Rúa Preguntoiro, 23, Santiago) leva por título ‘Por que non pode ir o tempo cara atrás?’. Ademais, cumprindo coa axenda habitual de ConCiencia, esa semana manterá un encontro cos medios de comunicación así como reunións científicas con estudantes, investigadores locais e líderes españois no seu campo. A superfluidez no Helio-3 O profesor Leggett, da Universidade de Illinois (Urbana-Champaign, EE.UU.), proporcionou o marco teórico para a comprensión do fenómeno da superfluidez no Helio-3, un dos dous sistemas superfluidos coñecidos ata o momento. As sorprendentes propiedades do mundo cuántico adoitan producirse só a escala atómica, pero nos materiais supercondutores (que transportan unha corrente eléctrica sen perdas) e superfluídos (fluídos carentes de viscosidade) as súas singularidades son visibles a escala humana por seren manifestacións de fenómenos cuánticos na escala macroscópica. O mecanismo polo que adquiren estas inusuais propiedades baséase en que un gran número das partículas que forman o material entran nun estado colectivo, no que comparten unha función de onda cuántica común estendida sobre lonxitudes macroscópicas. Isto leva, por exemplo, a que os superfluídos presenten viscosidade cero ou os supercondutores resistencia eléctrica nula, nos dous casos debido á imposibilidade da función de onda colectiva de experimentar cambios continuos. Estas propiedades son importantes non só pola súa evidente aplicación na tecnoloxía e ciencia de materiais senón porque proporcionan unha oportunidade única de estudar as características cuánticas "a simple vista". Ademais desta contribución fundamental, a actividade do profesor Leggett abrangueu un rango particularmente amplo de temáticas da física da materia condensada. Destacan así as súas achegas pioneiras para a compresión das interaccións entre sistemas cuánticos e macroscópicos ou dos condensados de Bose-Einstein. Conta tamén cunha notable formación humanística e interesouse profundamente por aspectos dos fundamentos das teorías físicas, tales como a completitude da mecánica cuántica na súa formulación actual. Anthony James Leggett Dende 1983 Leggett (Londres, 1938) ocupa a prestixiosa cátedra MacArthur na Universidade de Illinois, onde ademais é catedrático do Centro de Estudos Avanzados. Entre os numerosos premios cos que ten sido galardoado durante a súa carreira destacan o Fritz London (IUPAP, 1981) ou o Wolf de Física (2003). En 2004 a raíña Isabel II nomeouno Sir "polos seus servizos á física". Continúa mantendo unha frutífera actividade investigadora, como o demostran os seus recentes estudos sobre as posibilidades de ordenamento magnético de espíns en sistemas bidimensionais (2011).