Pasar al contenido principal

Un experto en economía internacional, novo convidado do laboratorio de emprendemento «EmprendeLab»

O Foro Económico Mundial de Davos recoñeceu en 2009 a Javier Santiso

Emprendelab, o ciclo de conferencias e obradoiros sobre emprendemento organizado polo CiTIUS, recibirá o próximo luns 11 a visita do experto en economía internacional Javier Santiso, director de Global Affairs & New Ventures en Telefónica (Asuntos Mundiales & Novas Empresas). Santiso, que falará ás 13.00 horas no salón de actos do centro sobre o futuro do emprendemento en España, é fundador de Start Up Spain, unha iniciativa privada posta en marcha co fin de desenvolver novas vías de financiamento para as start-ups españolas. Avalada polo éxito de programas similares como Start Up Chile ou Start Up America, a de España dispón xa dun primeiro programa consistente en axudar a investidores tradicionais na monitorización e avaliación de proxectos de internet nas etapas iniciais, asesorándoos para que estes poidan gañar en valor engadido. Santiso considera que no contexto actual de crise é fundamental apostar pola innovación e contribuír á construción dunha mentalidade máis emprendedora. “Europa en xeral, e España en particular, deben crear os estímulos precisos para que poida establecerse un modelo de crecemento sustentable, de cara a xeracións futuras”, afirma, á vez que se mostra optimista: “España non é o pesadelo que pintan os titulares, hai que destruír os mitos e aproveitar as oportunidades que nos ofrece este entorno adverso para fortalecer o ecosistema emprendedor e convertermos nun país de creación, innovación e emprendemento”. Javier Santiso foi director do Centro de Desenvolvemento da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) entre 2007 e 2010, un organismo creado para promover o diálogo sobre cuestións como o financiamento ao desenvolvemento e a contribución privada neste eido. En 2009 foi recoñecido como YGL (Young Global Leader, Novos LíderesGlobais), polo Foro Económico Mundial de Davos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.03.2013.