Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago mostra á sociedade os seus aspectos diferenciais nunha nova publicación do seu Consello Social

Portada da versión editada en galego
Portada da versión editada en galego
É unha iniciativa que pretende achegar á sociedade a poliédrica realidade universitaria nun exercicio de compromiso e transparencia

Unha publicación que acaba de editar o Consello Social sintetiza a capacidade de liderado da Universidade de Santiago en Galicia e en España e a súa proxección no ámbito internacional. Son cen páxinas, con versións en galego, castelán e inglés, nas que se radiografía a institución universitaria galega poñendo á disposición da sociedade un relatorio da súa oferta docente, servizos, instalacións e todos aqueles indicadores que dan conta da capacidade de atracción e proxección da cinco veces centenaria Universidade de Santiago. Actualmente en fase de presentación en diferentes foros e a axentes dos espazo educativo nos seus distintos niveis, a iniciativa xa leva colectada unha boa acollida. O novo volume, que nace coa pretensión de favorecer o coñecemento da Universidade en todas as súas facianas, segundo subliña o presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira, constitúe asemade unha proba máis de transparencia e compromiso social da USC, “unha marca galega sinónimo de compromiso coa educación, investigación, emprendemento, innovación e coa sociedade á que se debe”, sostén o reitor Juan Casares. O punto de arranque desta publicación é un retrato sobre as particularidades de vivir en Santiago e en Lugo, as cidades Patrimonio da Humanidade nas que se asentan os dous campus nos que a USC ofrece 42 títulos de grao correspondentes ás diferentes cinco grandes ramas do coñecemento ademais das titulacións propias en Criminoloxía e Xestión Hoteleira e a formación de posgrao e programas de doutoramento. Tamén teñen cabida nestas páxinas pola investigación e a formación centrada na escola de doutoramento internacional, os posgraos propios e cursos de formación continúa ou a vocación do IV Ciclo Universitario que, cada vez achega ás aulas a un maior número de persoas de máis de 50 anos. Os contidos presentados inclúen ampla información sobre as distintas convocatorias de bolsas e axudas para o estudantado, orientadas a apoiar e mellorar a experiencia da etapa universitaria, sen esquecer orientacións e información útil para a posterior inserción no mundo laboral de titulados e tituladas. A dimensión internacional da Universidade de Santiago de Compostela, que recibe alumnos dos cinco continentes e conta tamén con estudantes e investigadores espallados por todo o mundo, e os programas de mobilidade merecen tamén especial atención nunha publicación que recapitula as distintas iniciativas orientadas a favorecer a mobilidade tanto na esfera do espazo europeo como fóra destas fronteiras continentais. Outro aspecto de especial atención é o liderado da USC na investigación en España. Este liderado obedece tanto á súa capacidade de xestión no campo da I+D+i como á calidade da súa investigación. De feito, a USC é a sétima universidade española e primeira do Sistema Universitario Galego en captación de recursos de I+D e unha das máis destacadas do ámbito español pola súa produción científica, como o demostran os aproximadamente 7.000 artigos en publicacións científicas ao longo dos últimos catro anos, período no que tamén se realizaron 836 teses de doutoramento. Cómpre engadir a estes datos a concesión a catro científicos da Universidade de Santiago doutras tantas bolsas ‘Starting Grant’ do European Research Council, dotadas cadansúa con preto de 1,5 millóns de euros para desenvolver proxectos de investigación relevantes a escala mundial durante un período de cinco anos. A divulgación científica, a través do programa de visitas de Premios Nobel e doutras iniciativas semellantes, tamén ocupan un espazo singular na USC, unha universidade preocupada por transferir os resultados dos achados das súas investigacións e pola creación de emprego a través do apoio a novas iniciativas emprendedoras e de negocio. Aspectos menos tanxibles como a calidade, a responsabilidade social ou o prestixio internacional tamén son argumentos presentes nesta nova publicación da USC, na que se dá conta da ampla relación de doutoramento honoris causa outorgados a persoal docente e investigador da Universidade de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2022.