Pasar al contenido principal

O rugby centra esta semana na USC unhas actividades abertas a toda a cidadanía

Con motivo do partido internacional da Copa de Europa de Nacións de rugby entre España e Portugal que terá lugar este sábado 16 en Santiago, a USC e a Federación Galega de Rugby organizan varias actividades para dar a coñecer este deporte, moi vinculado ás Universidades e en Galicia á USC. Este martes 12 ás 20.00 horas no Salón de actos do Colexio Maior Fonseca terá lugar a charla ‘ Historias do Rugby’ na que Alberto Fernández Aboal, seleccionador sub-16 da selección galega, explicará os valores deste deporte desde o seu nacemento ata a situación actual no ámbito internacional. Xa o xoves 14, ás 17.00 horas no mesmo lugar, desenvolverase unha actividade teórica-práctica na que participarán o seleccionador español e técnicos da selección de Galicia. Convenio coa USC A través dun convenio de colaboración asinado recentemente a Federación Galega acordou deixar as entradas para o partido internacional a metade de prezo para a comunidade universitaria. Pola súa banda, a Universidade compostelá cede para os adestramentos das dúas seleccións as súas instalacións do estadio de atletismo, o ximnasio e unha canle da piscina cuberta. Pon tamén a disposición da federación o estadio e o campo de hóckey para a celebración do torneo Internacional de Veteranos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.03.2013.