Pasar al contenido principal

Investigadores da EPS proban que variedades locais de mazá de Chantada e A Estrada teñen propiedades axeitadas para a sidra

Alumnos da EPS durante a preparación das mazás para a elaboración de sidra
Alumnos da EPS durante a preparación das mazás para a elaboración de sidra
Os Peros de Chantada, Rabiosa de Callobre e Jamardo son mazás con caractarísticas idóneas para elaborar sidra, conclúe o grupo de Agronomía da USC

Algunhas variedades de mazá que se producen nas comarcas de Chantada e A Estrada presentan características propicias para a produción de sidra, segundo conclúen estudos desenvolvidos polo grupo de investigación Agronomía da Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago, nos que os resultados das distintas análises feitas revelan que as variedades de mazá coñecidas como Rabiosa de Callobre, Peros de Chantada ou Jamardo, posúen propiedades idóneas, iguais ou mellores, que outros cultivares de mazás como son Regona ou Raxao, moi apreciadas polos lagares asturianos para a elaboración de sidra natural, segundo afirma a profesora e investigadora da USC Belén Díaz. Esta investigadora engade que a calidade da sidra obtida a partir destas dúas variedades locais de mazá localizadas en Chantada e A Estrada nada ten que envexar á da sidra asturiana.

Os estudos de caracterización e de evaluación morfolóxica, xenética, tecnolóxica e agronómica desenvolvidos neste eido polo grupo de Agronomía da USC e nos que tamén se analizaron outras variedades locais de mazá, tales como son Gravillán, as denominadas Negras, Ovelleira e Ouvenza (de Chantada), ademais das Raiadas, mazás localizadas en plantacións do concello pontevedrés de A Estrada, entre outras, fixeron posible comprobar que todos estos cultivares son idóneos para a elaboración de sidra; se been destacan Rabiosa de Callobre, Peros de Chantada, Jamardo y Gravillán polos seus elevados contidos en acidez e fenois, que son os responsables dos valores de astrinxencia e amargura, que as fan moi aprezadas para a produción de sidra. O grupo Agronomía da EPS, integrado polos profesores do Departamento de Produción Vexetal da USC Belén Díaz, Benigno Ruiz e Santiago Pereira, cos que tamén colaboraron as investigadoras do equipo de Tecnoloxía de Alimentos Lourdes Vázquez e Ángeles Romero, levou a cabo esta investigación ao abeiro do proxecto ‘Estratexia para mellorar a produción e a comercialización da sidra galega’, financiado pola Xunta de Galicia. O adestramento dun panal de cata para a sidra e a súa avaliación, o estudo dos procesos de fermentación en función de cada variedade de mazá, a comparación das técnicas de elaboración e tamén o análise da influencia do grao de maduración da mazá no resultado final da sidra foron outros dos procesos investigados ao abeiro deste proxecto polo grupo de Agronomía da USC, cuxos membros tamén obtiveron datos relacionados co uso de lavaduras e coa incidencia da temperatura na fermentación e no proceso de elaboración da sidra, que se prolonga durante uns tres meses. Os datos recollidos e os resultados obtidos nesta investigación e diagnóstico sobre as posibilidades de produción de sidra en Galicia espertaron interese e foron moi ben acollidos tanto polo grupo empresarial Hermanos de Rivera, actual propietario de Sidrería Gallega, hoxe Customs Drinks, cuxa produción anual de sidra atópase ao redor do millón de litros anuais, como polos propios donos das plantacións, que xa deron pasos encamiñados a aumentar o número de maceiras en produción. As posibilidades de comercialización da sidra, un produto que, na opinión de Belén Díaz, ten oco no mercado e antóllase como unha bebida, que polo seu custe, moito menor que o do viño, e pola súa baixa graduación alcohólica, pode ser apetecible para moita xente, víronse reforzadas tamén nos últimos anos pola aparición de elementos e dispositivos que facilitan o escanciado desta bebida e, polo tanto, propician o seu consumo. Estas sinerxias positivas tiveron polo momento unha menor repercusión no que respecta á produción de sidra a nivel industrial. De feito, a maior parte da sidra producida en Chantada é para consumo particular, agás a comercializada por Customs Drinks. Un caso diferente ao apreciado nesta comarca luguesa é o de A Estrada, onde o emprendedor Jesús Armenteros puxo en marcha o Lagar de Ribela para así acadar un maior aproveitamento económico coa comercialización de sidra obtida a partir da “Rabiosa de Callobre”, unha variedade de mazá que tamén reúne as características apropiadas para a produción de sidra, tal e como xa constatara nunha investigación anterior desenvolvida polo grupo Agronomía da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2013.