Pasar al contenido principal

O Instituto Roche premia un proxecto de investigación do grupo Acuigen da Facultade de Veterinaria de Lugo

Investigadores do grupo de Xenética para a Acuicultura e a Conservación de Recursos Biolóxicos (Acuigen) da USC
Investigadores do grupo de Xenética para a Acuicultura e a Conservación de Recursos Biolóxicos (Acuigen) da USC
A farmacéutica financiará con 10.000 dólares unha carreira de secuenciación masiva do xenoma do rodaballo para obter así a secuencia completa do xenoma desta especie

O grupo de investigación de Xenética para a Acuicultura e a Conservación dos Recursos Biolóxicos (Acuigen), radicado na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, vén de ser premiado cunha das dez carreiras de secuenciación masiva de nova xeración que ofrecía o Instituto Roche a través no novo kit de secuenciación que está a promover esta farmacéutica a nivel mundial.

Este novo kit de secuenciación supón un avance notable respecto do modelo anterior, xa que fai posible obter un millón de secuencias individuais (reads) de 1000 pb de media, o que permite unha lonxitude por carreira de 1 Gb, segundo explica o director do grupo de investigación da USC de Xenética para a Acuicultura e para a Conservación de Recursos Biolóxicos (Acuigen), Paulino Martínez. Este investigador do campus de Lugo, que na actualidade se atopa completando unha estadía de investigación en Londres, relatou que este recoñecemento do Instituto Roche chega despois de que o grupo Acuigen presentara o proxecto de secuenciación do xenoma do rodaballo, unha investigación que están a desenvolver os investigadores adscritos a este grupo de investigación da USC en colaboración con outros científicos dos equipos liderados por Antonio Figueras e Beatriz Novoa no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. O custe na carreira de secuenciación co novo kit deseñado por Roche ten un custo de 10.000 euros, precisou Martínez, quen destacou que o tamaño da secuencia deste novo dispositivo antóllase particularmente útil para a secuenciación de novos xenomas de novas especies. A selección do proxecto de investigación que desenvolve desde fai anos o grupo de investigación Acuigen da USC, que agora poderá beneficiarse dunha carreira de secuenciación co novo kit deseñado pola compañía Roche, antóllase como unha boa oportunidade para avanzar na obtención da secuencia completa do xenoma do rodaballo, comentou Martínez. O achado da secuencia completa do xenoma do rodaballo facilitaría a obtención de información clave para logo poder acometer outros procesos que incidiran na mellora da produción desta especie mariña en relación con caracteres de interese, como o son a súa determinación sexual, a resposta inmune a patoloxías ou o crecemento das crías, recorda o director do grupo de investigación de Xenética para a Acuicultura e Conservación dos Recursos Mariños. O grupo Acuigen da USC, coordinado por Paulino Martínez, está integrado na actualidade por seis investigadores principais: Ana María Viñas Díaz, Carmen Bouza Fernández, Laura Elena Sánchez Piñón, Belén Gómez Pardo, José M. Castro Álvarez e Román Vilas Peteiro. Adrián Millán Pérez, Carlos Fernández López, Miguel Hermida Prieto, Ania A. Pino Querido-Ferreira e Manuel Vera Rodríguez compoñen na actualidade o elenco de contratados postdoctorais que colaboran nas investigacións desenvolvidas por este recoñecido grupo de investigación da USC fundado en 1987 e ao que tamén están vinculada, en calidade de estudante predoutoral, Almudena López Martínez.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.03.2013.