Universitarios húngaros recalan en Lugo para coñecer a Escola Politécnica e as investigacións agrarias e forestais da Universidade
Cinco estudantes de máster na Szent Itsván University (Universidade de Santo Estevo) de Gödöllö, unha cidade da área metropolitana de Budapest que acubilla a principal institución educativa de agricultura de Hungría, visitan estes días, en Lugo, a Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago, coa dobre pretensión de descubrir o funcionamento académico e as instalacións do centro e para ter información de primeira man sobre os distintos proxectos e liñas de investigación no eido agronómico e forestal impulsadas e ou desenvolvidas por docentes e alumnos da escola.
A aventura luguesa destes cinco mozos húngaros, Csaba Bálint, János Tóth, Szandra Tóth, Enikú Tótm e Zoltán Kende, un quinteto mixto formado por tres mozos e dúas mozas que na actualidade están a cursar distintas especialidades de posgrao relacionadas co desenvolvemento rural, produción agropecuaria, paisaxe, territorio e medio ambiente, comezou o pasado luns, cando estes mozos chegaron á Escola Politécnica de Lugo, despois de recorrer en coche máis de 3.000 quilómetros.
“A viaxe foi intensa e sen moitas pausas”, comenta o profesor de Edafoloxía da USC Agustín Merino, que é o coordinador da Politécnica no programa intensivo de Erasmus ao que tamén están adheridas outras cinco universidades de Francia, Portugal, Italia, Grecia, ademais da xa citada Szent Itsván University de Gödöllö (Hungría). Na pasada edición deste erasmus intensivo, celebrada en Grecia, foi onde unha destas estudantes entrou en contacto máis directo coa Universidade de Santiago de Compostela e descubriu que contaba cun campus de marcado perfil agronómico e forestal en Lugo.
A implicación da Escola Politécnica neste programa intensivo de mobilidade universitaria, que xa vai pola súa sexta edición, é unha das claves da chegada deste grupo de “bos estudantes” a Lugo, segundo salientou Merino. De feito, estes universitarios, que se comunican nun aceptable inglés, están a gozar desta estadía na Universidade galega logo de gañar un concurso nacional convocado polo Goberno húngaro, que lles financia a expedición. Un dos premios deste certame era a posibilidade de visitar durante unha semana calquera das universidades dos países adheridos a este curso intensivo de Erasmus (Portugal, España, Francia, Grecia, Italia). Escolleron a da Santiago de Compostela “pola súa boa reputación” e polo prestixio das súas investigacións no eido agronómico e forestal.
O Programa
Os estudantes contan cun intenso programa de visitas formativas e lúdicas, que inclúe sesión de traballo na aula, a través das que poden acadar un bo coñecemento da realidade académica e das investigacións realizadas polos grupos da USC en Lugo, así como das particularidades da xeografía e da produción agropecuaria desta rexión do noroeste peninsular.
Os canóns do Sil e a Ribeira Sacra, a Mariña Luguesa, Compostela e a propia cidade de Lugo, na que teñen fixada a súa residencia, son as localizacións xeográficas que coñecerán estes estudantes húngaros, que tamén teñen programadas visitas a unha explotación de vacún de leite no concello de O Corgo e a outra granxa de ovino, en Begonte.
A Facultade de Veterinaria, xunto co seu hospital clínico Rof Codina, a Aula de Produtos Lácteos, os laboratorios de investigación instalados no edificio Cactus e outros emprazados na propia Politécnica, son outras das visitas recomendadas que están a facer estes estudantes, os mesmos que recoñecen estar sorprendidos “pola paisaxe verde achada en Lugo e pola propia configuración do campus universitario”.
No treito derradeiro da súa estadía na USC, estes embaixadores húngaros, que emprenderán a viaxe de volta a Gödöllö o domingo 11 de maio, presentarán, este venres día 7, aos alumnos da Politécnica as características da universidade de procedencia, Szent Itsván University, así como da súa contorna e tamén da cidade de Budapest. Con esta actividade, pretendese estreitar vínculos entre a EPS e o principal centro educativo de agricultura de Hungría, a fin de conseguir así un maior fluxo de intercambio de estudantes e, chegado o caso, de docentes e investigadores.