Pasar al contenido principal

A USC convoca un concurso de curtas con móbil sobre enxeñaría e desenvolvemento do territorio galego

De esquerda a dereita, Javier Bueno, Pedro García Herradón e Luís Celeiro, na presentación do concurso
De esquerda a dereita, Javier Bueno, Pedro García Herradón e Luís Celeiro, na presentación do concurso
O gañador do certame, dirixido a estudantes de 2º de bacharelato e ciclos formativos de grao superior, terá a matrícula de balde en calquera grao da USC no curso 2013-14

A Universidade de Santiago de Compostela convoca un concurso de curtas con móbil sobre as achegas da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego co obxecto de coñecer e difundir as inquedanzas dos/as futuros/as universitarios/as sobre esta temática e descubrir as súas inquedanzas polo quefacer dos/as enxeñeiros/as no ámbito do desenvolvemento rural, especialmente nos sectores forestal e agrogandeiro.

Este concurso de curtas con móbil, que se desenvolve baixo o lema ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego’, diríxese ao estudantado preuniversitario que no presente curso 2012-2013 estea matriculado en 2º de bacharelato ou en calquera ciclo formativo de grao superior en calquera centro do territorio nacional. A divulgación e a sensibilización sobre este amplo abano de titulacións de ensino superior ligadas ao territorio e ao desenvolvemento do medio natural, así como outras titulacións ligadas á enxeñaría civil constitúen outro dos obxectivos que busca a Universidade de Santiago coa convocatoria deste concurso de curtas con móbil, presentado este xoves na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo no transcurso dun acto no que participaron o vicerreitor Pedro García Herradón; o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno, e o director do gabinete de comunicación da USC, Luís Celeiro. O concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?’, cuxas bases están accesibles na web www.usc.es/curtasconmobil, pretende contribuír a que os futuros/as universitarios/as reflexiones, indaguen e apliquen o seu potencial creativo para facer propostas, en curtas audiovisuais, sobre o cometido que poden desenvolver os/as enxeñeiros/as titulados na Escola Politécnica Superior de Lugo a prol do desenvolvemento do rural galego, en todos os ámbitos, pero de xeito especial, no forestal e agrogandeiro. O prazo de presentación das curtas rematará o vindeiro 27 de maio de 2013 e os seus autores deberán facer entrega das súas respectivas propostas creativas en calquera dos rexistros xerais da Universidade de Santiago, así como nas demais fórmulas que recolle a normativa vixente. Os traballos presentados, ben nun DVD ou nun pendrive e cunha duración de entre 30 e 90 segundos, deben ser gravacións de vídeos, en ningún caso montaxes de fotografías, teñen que estar realizados en formato .avi, .mov ou .mp4. O gañador do concurso poderá matricularse de balde o vindeiro exercicio académico 2013-2014 no primeiro curso de calquera das titulacións de grao ofertadas pola Universidade de Santiago nos seus campus de Lugo e de Compostela. Os outros catro galardóns establecidos nas bases do concurso consisten na exención do pagamento do importe da matrícula nun curso de idiomas no Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago de Compostela. O xurado, que será nomeado polo reitor da USC, Juan Casares, e valorará a orixinalidade das propostas e a consecución dos obxectivos formulados nas bases da convocatoria, fará público o seu fallo a finais de xuño. A entrega dos premios terá lugar no mes de xullo no transcurso dun acto que se celebrará en xullo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, sinalou na presentación do concurso de curtas con móbil que esta nova iniciativa da USC súmase ás accións xa desenvolvidas pola Universidade de Santiago para a promoción das titulacións impartidas na Escola Politécnica Superior de Lugo, “un centro universitario que conta con excelentes recursos humanos e materiais, pero que, segundo as estatísticas de matrícula, non esperta o suficiente interese entre o estudantado”. A Escola Politécnica Superior mellora as estatísticas de matrícula A temática sobre a que versa este certame de curtas con móbil garda estreita relación coa oferta de titulacións da Escola Politécnica Superior de Lugo, na que se imparten os graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Civil, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias e Enxeñaría en Xeomática e Topografía. Este abano de graos, xunto cos másteres universitarios en Enxeñaría Agronómica, Arquitectura da Paisaxe, Dirección de Proxectos, Enxeñaría de Montes, Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, tamén impartidos na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, configuran unha oferta de ensino superior de gran atractivo para quen desexe contribuír profesionalmente ao desenvolvemento rural. As estatísticas de matrícula rexistradas no presente curso na EPS convidan ao optimismo, xa que, segundo destacou o director do centro, Javier Bueno, o número de inscritos medrou respecto do ano anterior en todos os segmentos do estudantado. A Escola Politécnica Superior ten matriculados/as neste curso 2012-2013 un total de 1.437 estudantes, 609 cursan algunha das enxeñarías técnicas ou superiores, programas formativos a extinguir logo da súa transformación en graos; outros 687 estudantes formalizaron este ano a súa matrícula nalgún dos cinco graos ofertados na Escola, que tamén computa outras 100 inscricións nos seus programas de másteres oficiais e 41 nos posgraos propios. No centro están matriculados neste curso máis de 70 estudantes estranxeiros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.04.2013.