Pasar al contenido principal

Queres deixar de fumar?

Cartel do programa ¿Queres deixar de fumar?
Cartel do programa ¿Queres deixar de fumar?
A Unidade de Tabaquismo da USC mantén aberto este mes o prazo para os seus cursos gratuítos

Cunha verdadeira vocación de servizo público, a Unidade de Tabaquismo da USC mantén aberto este mes de abril o prazo para que as persoas fumadoras poidan anotarse nalgún dos seus programas gratuítos para deixar de fumar. O seu director, o catedrático Elisardo Becoña, aprecia un aumento notable no número de persoas que pretenden deixalo, moitas delas por mor dos problemas económicos xurdidos coa crise. Ademais apunta outro dato interesante: o incremento significativo dos casos con depresión. “Actualmente un 56% dos que acoden á nosa Unidade tiveron depresión no pasado e un 20% padécea agora”, sinala Becoña, que explica que os tratamentos e intervencións psicolóxicas que aplican tratan ambos problemas. Máis diferenzas con respecto aos anos pasados atópanse na maior demanda de mulleres interesadas en deixar o tabaco (o 60% que acode á Unidade da USC); a idade promedio do fumador, que se sitúa hoxe nos 41 anos; e o aumento de persoas con problemas físicos debido ao seu consumo. Programas específicos A Unidade, que neste momento trata unhas 50 persoas, ofrece distintos programas adecuados ás características propias de cada colectivo fumador. Así, ademais do programa xeral, teñen accións distintas para quen teña alta dependencia do tabaco ou consuma moitos cigarros diariamente, para quen o teña que deixar debido a problemas ou enfermidades tanto físicas como emocionais e para quen lles preocupe o aumento de peso ao deixalo. Coa fin de facilitar aínda máis as cousas a metodoloxía aplícase de maneira individual ou en grupo e en horarios de mañá ou tarde. As persoas interesadas poden obter máis información na propia Unidade, situada na Facultade de Psicoloxía, nos teléfonos 881 813 939 e 881 813 784 ou no enderezo elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2013.