Pasar al contenido principal

A calidade de vida e a calidade asistencial centran a XVIII Xornada da Escola de Enfermería de Lugo

O vicerreitor de Coordinación e Planificación Pedro García Herradón abrirá o mércores 17 este foro, que reunirá máis de 350 alumnos e profesionais no Hospital Universitario Lucus Augusti

A mellora da calidade de vida e da calidade asistencial centrará o mércores 17 de abril a XVIII Xornada da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, un foro monográfico sobre enfermería para o que hai inscritos máis de 350 alumnos e profesionais do sector que será inaugurado,a partir das 10.00 horas, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), polo director xerente do citado centro hospitalario, Antonio García Quintáns; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a presidenta do Colexio de Enfermería de Lugo, Lurdes Bermello, e a directora da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, María Asunción Núñez Magdalena.

A promoción do debate e o intercambio de experiencias e coñecementos para mellorar os coidados prestados a pacientes con enfermidades avanzadas e ás súas familias, a fin de mellorar a súa calidade de vida e o grao de benestar, constitúe un dos principais obxectivos desta xornada, no marco da que se celebrarán varias mesas redondas, ademais de expoñer numerosas comunicacións e dar conta de diversas experiencias relatadas por profesionais e estudantes. Outra das premisas destas xornadas centradas nos coidados paliativos e na mellora da calidade asistencia aos pacientes é a relacionada coa actualización de coñecementos e tamén co intercambio de información e boas prácticas orientadas a mellorar a seguridade dos pacientes en todo o que pode atinxir á prevención e ao control das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria. Programa das xornadas Unha mesa redonda sobre a mellora dos coidados ao final de vida, moderada polo médico internista do complexo hospitalario universitario de Ferrol e coordinador da liña de traballo da comisión galega de bioética sobre coidados ao final da vida, Juan Antonio Garrido Sanjuán, abrirá o programa das xornadas ‘Mellora das actitudes nos coidados: calidade de vida e calidade asistencial’. Nesta primeira sesión intervirán como relatores o propio Juan Antonio Garrido, que falará sobre a adecuación do esforzo terapéutico e a planificación anticipada dos coidados. O especialista en coidados paliativos e internista do HULA, Álvaro Fernández Rial ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Unha resposta ética e de calidade desde os coidados paliativos: a experiencia dun clínico’ . A atención ás persoas con enfermidade crónica e avanzada, e o novo modelo de atención paliativa será o tema sobre o que fale neste foro o coordinador do Plan Galego de Coidados Paliativos, Ángel López Triguero. Pechará este primeiro bloque de intervencións o psicólogo clínico na Unidade de Saúde Mental do Hospital da Costa-Burela, Mariano Carrero Moure, quen disertará sobre a importancia de mellorar as habilidades de comunicación dos profesionais en situacións de especial fraxilidade. Unha sesión de presentacións de comunicacións e de relato de experiencias, a cargo de alumnos e profesionais da Enfermería, que comezará ás 13.00 horas, servirá de colofón da xornada matinal. Os relatorios terán continuidade en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, coa celebración doutra mesa redonda, neste caso sobre a prevención da infección relacionada coa atención sanitaria, que estará moderada pola xefa do servizo de sistemas de calidade mellora continua do Sergas, María Dolores Martín Rodríguez. A supervisora da Unidade de Medicina Preventiva do CHUS, Isaura Martínez, ofrecerá un relatorio sobre a estratexia de hixiene de mans. Trala súa intervención, a supervisora da UCI do Hospital Meixoeiro de Vigo e coordinadora dos programas Bacteriemia Zero e Neumonía Zero, Amparo Domínguez Pereira, dará unha charla baixo o título ‘Prevención da infección nas Unidades de Coidados Críticos: Bacteriemia Zero e Neumonía Zero’. A infección relacionada coa Atención Sanitaria (IRAS) e seguridade dos profesionais centrarán a intervención neste foro de Isabel Ferreiro Cadahía, facultativa da Unidade de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.04.2013.