Pasar al contenido principal

A Liga Estudantil Galega conmemorará o Día da Terra con distintas actividades no campus de Lugo

A Escola Politécnica Superior acollerá os vindeiros días 9 e 10 de abril cadanseu relatorio sobre o modelo de xestión de residuos e a minaría de ouro a ceo aberto

A Liga Estudantil Galega conmemorará a celebración do Día da Terra, un efeméride que se celebra o 22 de abril, coa organización de diversos actos culturais, deportivos e lúdicos na Escola Politécnica Superior e noutras instalacións do campus de Lugo, a través dos que se quere afondar na concienciación ambiental dos membros da comunidade universitaria e tamén do resto da veciñanza do campus de Lugo.

O programa de actos deseñado ao abeiro do Día da Terra comezarán o vindeiro martes, 9 de abril, coa celebración dunha charla coloquio sobre o actual modelo de xestión de residuos que se desenvolverá na EPS e na que intervirá como relatora María Rodríguez Lafuente, vogal de residuos de Adega. O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC, Serafín Jesús González Prieto, ofrecerá o vindeiro mércores día 10, a partir das 18.30 horas, na Escola Politécnica Superior de Lugo outro relatorio baixo o título ‘Corcoesto e a minaría de ouro a ceo aberto. O aparcadoiro do pavillón universitario acubillará o xoves 11, ao longo de toda a xornada, diversos talleres, concursos, concertos, competicións deportivas mixtas de fútbol 3x3 e baloncesto 3x3 e un xantar popular. Asemade, tamén haberá unha exhibición de fútbol gaélico no campo das Pedreiras, en horario de 11.00 a 14.00 horas.

A Liga Estudantil Galega busca coa programación deste abano de actividades reunir en Lugo a universitarios doutros campus galegos e á poboación en xeral, a fin de fomentar o debate sobre a necesidade dunha maior concienciación ambiental, tal e como indicou o voceiro da Liga Felipe Vázquez Fernández.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2013.