Equipos directivos e orientadores do ensino medio de toda Galicia coñecen a USC a través do programa A Ponte

O reitor Juan Casares presidiu e deu a benvida ao encontro que este mércores 27 tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca de equipos directivos e de orientación dos centros de ensino medio de Galicia con membros da Universidade de Santiago dentro das actividades que anualmente organiza o Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’. Como en anos anteriores, a xuntanza contemplou diversos temas de importancia para os estudantes que cursan o derradeiro ano de ensino secundario. En concreto abordáronse todas as cuestións relacionadas co programa A Ponte (organización de actos, visitas aos centros, conferencias), os programas de bolsas e axudas ao estudantado, titulacións e información relativa aos programas de acceso a universidade. Finalizado o acto, os asistentes ao encontro achegáronse ás instalacións do que será o novo Museo de Historia Natural da USC, nunha visita guiada pola súa directora, María Isabel Fraga, que explicou o seu funcionamento e as normas a seguir para as visitas o centro. De dereita a esquerda, Luis Hervella, Jaime Romero, Juan Casares, Pedro García Herradón e Elena Iglesias Saco (Foto: Servimav-USC)