Pasar al contenido principal

Medicina celebra este sábado o Día Mundial da Saúde con accións de educación sanitaria dirixidas á cidadanía

Medicina celebra este sábado o Día Mundial da Saúde con accións de educación sanitaria dirixidas á cidadanía
Medicina celebra este sábado o Día Mundial da Saúde con accións de educación sanitaria dirixidas á cidadanía
Instalarán unha carpa na Alameda para facer medicións de todo tipo e convidan aos máis pequenos a levar o seu peluche ao médico nunha orixinal iniciativa

A Asociación de Estudantes da Facultade de Medicina da USC ME.I.GA (Medicina Intercambios Galicia) vai realizar diversas actividades durante este mes de abril dirixidas á cidadanía en xeral, unha acción que se repite con éxito ano tras ano por estas datas. Con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde, este ano dedicado á hipertensión arterial, a asociación instalará este sábado 6 unha carpa na Alameda compostelá na que estudantes de Medicina realizarán durante todo o día (a partir das 9.30 horas) de forma gratuíta medicións de tensión, glicemias, índices de masa corporal, grupos sanguíneos ou probas de alerxia, entre outras, que incluirán nunha ficha persoal que será revisada polos alumnos de cara a facer unha valoración acerca da súa saúde. As persoas interesadas tamén poderán obter información acerca de enfermidades prevalentes e acceder a talleres de escoita, actividades de primeiros auxilios e ioga da risa. Hospital de Osiños Dirixida aos máis pequenos haberá ademais unha zona especial chamada ‘Hospital de Osiños’ no que se intenta que perdan o medo á bata branca xogando a ser eles os médicos de diversos peluches á vez que se busca unha maior integración de prácticas saudables na súa vida cotiá. Os membros de MEIGA decidiron propor esta actividade aos centros de ensino primario de Santiago, sendo o colexio Pío XII o primeiro en abrir as súas portas. Deste xeito, durante a mañá dos días 10 e 11 de abril, nenos e nenas de 5 e 6 años dese centro acompañarán o seu peluche enfermo ao ‘Hospital de Osiños’, emprazado no propio centro, para participar na súa diagnose e curación e á vez aprender nocións de alimentación, hábitos de vida saudables, hixiene e coñecemento do corpo humano mediante xogos e concursos. O proxecto Teddy Bear Hospital (TBH) é unha iniciativa internacional difundida pola Federación Internacional de Estudantes de Medicina (IFMSA) que ten como comité local en Santiago a asociación Medicina e Intercambios de Galicia (ME.I.GA). Curso de Medicina do século XXI Outra das actividades que terá lugar este mes é un curso de Medicina –do 22 ao 24 de abril– no que se tratará o futuro das distintas especialidades médicas e a súa relación coa investigación. Con el preténdese fomentar o espírito crítico entre o estudantado e o interese pola investigación. Entre o claustro de relatores figuran os presidentes das sociedades españolas de Cardioloxía e de Patoloxía Dixestiva, un dos maiores especialistas do mundo en xenómica ou o recoñecido internista Arturo González Quintela. Todo este programa presentouse este venres nunha rolda de prensa na que participaron o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal Otero; a presidenta de MEIGA, Miriam Blanco Longa; o responsable do Hospital de Osiños, Eduardo González Jiménez; e o encargado do curso de Medicina do século XXI, Jorge Álvarez Troncoso. ME.I.GA A Asociación de Estudantes da Facultade de Medicina ME.I.GA (Medicina Intercambios Galicia) encárgase de complementar os estudos da carreira con cursos de formación (primeiros auxilios, talleres especializados, etc.) e ofrecendo intercambios nacionais e internacionais para que o estudantado poida experimentar distintos sistemas sanitarios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.04.2013.