Pasar al contenido principal

O campus de Lugo acolle este mércores a xornada ‘Arte e ciencia’ e visitas a laboratorios co gallo do Día da Ciencia en Galego 2013

O director da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, Mario Diz, ofrecerá, a partir das 20.00 horas, en Fonseca a conferencia coloquio ‘Música+matemáticas= arte’

O campus de Lugo acubillará este mércores 6 de novembro o acto central conmemorativo do Día da Ciencia en Galego 2013 cun amplo programa de actividades que inclúe visitas de escolares a distintos laboratorios e instalacións da sede universitaria luguesa, ademais das xornadas de presentacións divulgativas ‘Arte e ciencia’, no marco da que cinco relatores farán cadansúa semblanza dos tres persoeiros aos que se dedica o Día da Ciencia en Galego 2013: o arquitecto Richard Buckminster, a enfermeira Florence Nightingale e o intelectual, artista galego e creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. A estatística, que xunto coa arte e a ciencia, completa o elenco de temas nos que se centra o Día da Ciencia en Galego, e a química serán obxecto doutras dúas das presentacións que se desenvolverán no salón de actos da Escola Politécnica Superior, a partir das 11.45 horas.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, abrirá as xornadas divulgativas ‘Arte e ciencia’, no transcurso dun acto no que tamén estarán presentes outros docentes e investigadores do campus lugués, así como estudantado universitario e os alumnos/as de ESO e Bacharelato que previamente participaron nalgunha das visitas programadas ao hospital veterinario universitario Rof Codina, ás instalacións dos laboratorios da Facultade de Ciencias e do Laboratorio de Anatomía Patolóxica da Facultade de Veterinaria, ou que participaron nos obradoiros de medición forestal e condución de maquinaria con GPS, promovidos pola Escola Politécnica. O desenvolvemento das visitas e talleres organizados será de 10.00 a 11.30 horas. A inauguración das xornadas divulgativas ‘Arte e ciencia’ será asemade o escenario de entrega dos premios aos gañadores da xincana bibliográfica celebrada o pasado luns na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo, un certame no que participaron catro equipos integrados por membros da comunidade universitaria e que ofrecían como premios para cada un dos membros do equipo gañador tres dispositivos electrónicos, a escoller entre lector de libros electrónicos, tablet ou un descodificador de televisión. O editor Xosé Ramón Fandiño abrirá a quenda de presentacións co relatorio ‘Isaac Díaz Pardo, a patria enteira na memoria’. Logo desta intervención, Isidoro Rodríguez, profesor da Escola Universitaria de Enfermería, desenvolverá a presentación ‘Florence Nightingale: a dama da lámpada, estatística e escritora’. Arte e ciencia na construción será o tema central do relatorio que ofrecerá nesta sesión o profesor Xoán Carlos Carreira. Outros dos relatorios incluídos no ciclo ‘ Arte e ciencia’ son ‘A estatística: unha ferramenta para calcular a incerteza’, a cargo do profesor da Facultade de Veterinaria José María Alonso, e ‘Estética e semiótica da química: formulando con arte’, un tema do que falará Marcelino Maneiro, profesor da Facultade de Ciencias. Campus de Santiago As conferencias divulgativas programadas por diversos centros do campus de Santiago de Compostela no ciclo ‘Nunha relación aberta: Arte e Ciencia’ terán este mércores, a partir das 20.00 horas, unha nova entrega no Salón Nobre de Fonseca, o escenario no que o director da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, Mario Diz, ofrecerá a conferencia concerto ‘Música + matemáticas = arte’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2013.