Pasar al contenido principal

O XII Congreso e Economía Agraria arranca no campus de Lugo da USC coa mirada posta no futuro da Política Agraria Común

De esquerda a dereita, Baamonde, González, Planas, López, Méndez, Tomé e García-Azcárate, na apertura do XII Congreso de Economía Agraria
De esquerda a dereita, Baamonde, González, Planas, López, Méndez, Tomé e García-Azcárate, na apertura do XII Congreso de Economía Agraria
O reitor Antonio López inaugura este foro científico na EPS de Enxeñaría, nun acto no que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, adiantou algúns dos principios que rexerán a...
Lugo

O XII Congreso de Economía Agraria, un foro científico de carácter estatal que reunirá ata o 6 de setembro a máis de 210 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores, arrancou este mércores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC coa mirada posta no futuro da Política Agraria Común (PAC), que centrou a intervención do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, nunha sesión inaugural do congreso presidida polo reitor da USC, Antonio López Díaz.

A PAC seguirá a ser unha política agraria para toda Europa no período 2020-27, afirmou o ministro Luis Planas, ao tempo que o novo regulamento polo que se rexerá a política agraria na UE no próximos anos estará definido e consensuado cara a primavera de 2021. A aspiración do Goberno de España pasa por manter a mesma asignación do período anterior (50.000 millóns de euros), pero alén desta cuestión económica, a futura PAC implica tamén un cambio de estratexia encamiñado a mellorar a posición dos produtores primarios na cadea de valor, e tamén a potenciar o respecto e a conservación da biodiversidade, así como a implementación dos avances científicos e tecnolóxicos nas prácticas agropecuarias e forestais.

A inclusión da perspectiva de xénero no deseño da nova PAC, a aposta decidida pola incorporación de xente nova ao medio rural, o incremento da produción de alimentos de xeito sustentable, o benestar animal e o reto demográfico e mesmo a loita a prol da redución do inxente volume de desperdicios alimentarios constitúen, segundo indicou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España, outros dos retos aos que tratará de dar de resposta a futura PAC.

As distintas medidas e propostas que está a defender España no contexto de negociación da PAC son” moi acaídas” co perfil académico e investigador do Campus Terra da USC, unha sede universitaria na que se imparten titulacións ligadas á produción agroforestal e gandeira, así como co benestar animal, pero tamén outros graos ligados a conservación e valorización do territorio, á empresa e á alimentación, aos que cómpre salientar a nova implantación do título de grao en Robótica, sinalou o reitor.

Logo de explicar a singular orientación da sede universitaria luguesa, na que coinciden formación, I+D e transferencia de coñecemento á sociedade e ás empresas, Antonio López tamén lembrou a xa histórica preocupación e o grande interese de investigadores e científicos galegos pola terra, a produción e organización agraria e a conservación do territorio. O reitor destacou asemade a colaboración da USC coa Xunta de Galicia na elaboración do abano de propostas que trasladará Galicia ao marco de negociación da PAC para os próximos sete anos.

O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, tamén se referiu a este plan de medidas que achegará a Xunta de Galicia ao debate da PAC, aínda que se referiu á singularidade que presenta o territorio rural e agrario galego, caracterizado polo minifundismo e a dispersión, como elementos que privan de éxito as diferentes actuacións innovadoras que tratan de implementarse. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca; os co presidentes da Asociación Española de Economía Agraria (AEEA), Tomás García-Azcárate e Raúl Compés López, e o presidente do Consello Reitor de Cajamar, Eduardo Baamonde Noche, completaron a quenda de autoridades que participaron na apertura oficial deste foro, o terceiro evento que promove a AEEA en colaboración coa USC e que xuntou hoxe en Lugo a numerosas autoridades políticas, entre as que cómpre citar ao Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, así como a deputados provinciais e no Congreso e representantes da Xunta de Galicia.

A duodécima edición deste congreso de periodicidade bienal da Asociación Española de Economía Agraria xirará arredor de tres mesas plenarias, nas que un total de 11 relatores de recoñecido prestixio tratarán cuestións ligadas á sostibilidade e retos do sector leiteiro, á ordenación e fórmulas de produción do territorio rural, así como á dinamización deste sector primario a través da cooperación e dos clústeres agroalimentarios interesados na promoción de iniciativas innovadoras e sostibles. O programa do congrego inclúe asemade a presentación de preto de 200 comunicacións e pósteres.

Sesións plenarias

As tres sesións plenarias deste congreso serán retransmitidas por streaming e poderán seguirse pola canle de YouTube do Campus Terra da USC, do mesmo xeito que os actos de inauguración e clausura. A primeira destas plenarias, que xirará arredor da sostibilidade e dos retos do sector leiteiro, desenvolverase este mércores, ás 18.30 horas, e estará moderada polo profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro. Intervirán como relatores Christophe Perrot, do Institut de l´Élevage de París, e Luis Calabozo, director Xeneral de FeNIL Benoît Rouyer. Centre National Interprofessionlle de l’Économie Laitière.

O Territorio rural máis alá da produción: intensificación, límites físicos e medio ambiente centrará a temática da plenaria programada para o xoves, ás 11.00 horas. David Soto, da USC, será o encargado de moderar esta sesión, na que intervirán José Manuel Naredo, profesor honorario da Politécnica de Madrid, e Gloria Guzmán, da Universidade Pablo de Olavide. A plenaria do venres 6 de setembro leva por título ‘Cooperación e clústeres agroalimentarios para promover a innovación e a sostibilidade’. A profesora da Universidade Pública de Navarra actuará como moderadora dun foro no que intervirán o profesor e investigador universitario do Reino Unido Davide Parrilli Bournemouth, Juan Vázquez Gancedo, do Clúster Agroalimentario de Galicia; Sandra Aguirre, xerente de Nagrifood (Clúster Agroalimentario de Navarra), e María Teresa Ambrós Mendioroz, da Subdirección xeral de Innovación e Dixitalización do Ministerio de Agricultura.

Obxectivos

O XII Congreso de Economía Agraria ten como obxectivo salientar e poñer de relevo a importancia da análise da sostibilidade dos actuais modelos de consumo e produción agroalimentaria, gandeira e forestal no contexto territorial no que se desenvolven. A celebración deste evento científico no campus de Lugo, permitirá abordar este debate desde a perspectiva atlántica e sen obviar a fraxilidade das áreas que están a sufrir graves problemas de tipo económico e demográfico, a pesar de tratarse de enclaves con potencialidades para a creación de riqueza.

A celebración deste congreso no Campus Terra da USC, a sede da USC que avanza na súa especialización no aproveitamento e na posta en valor de toda a riqueza e das potencialidades que ofrece todo o relacionado coa terra e o territorio, permitirá asemade estimular a investigación sobre o futuro das políticas agrarias e, en particular, da Política Agraria Común (PAC) da próxima década. Á relevancia deste congreso cómpre sumar tamén as potencialidades da sede universitaria luguesa, cuxa actividade docente e de I+d+i pivota en grande medida sobre a actividade agrogandeira e as súas industrias derivadas, características que fan do campus de Lugo un enclave acaído para o encontro, o diálogo e a transferencia de coñecemento.

O Congreso de Economía Agraria da AEEA chega a Lugo logo dunha xa dilatada andaina que botou a andar en 1992 en Zaragoza, tomando o relevo das denominadas Reunións de Estudo celebradas ata entón pola citada asociación. Entre 1992 e 2007 estes congresos científicos foro de periodicidade trienal e tiveron como sedes Valencia (1995), Lleida (1998), Pamplona (2001), Santiago de Compostela (2004) e Albacete (2007). Almería (2009), Madrid (2011), Castelldefels (2013), Córdoba (2015) e Elche/Orihuela (2017) completan a relación de localizacións que acubillaron este evento.

Autoridades políticas e académicas e participantes no congreso Comitiva de autoridades políticas e académicas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.12.2019.