O edificio Emprendia acolle unha xornada de iniciativa emprendedora da man da Escola de Organización Industrial
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e Uninova promoven a realización na USC da xornada ‘Iniciativa emprendedora’ que impartirá a Escola de Organización Industrial (EOI) o próximo 11 de novembro de 15.00 a 20.00 horas no Edificio Emprendia. A EOI é a decana das escolas de negocios en España e pertence ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, ademais de estar especializada na posta en marcha de empresas e ter participado na xestación de varios miles de proxectos de empresas tanto dentro como fóra de España. ‘Iniciativa emprendedora’ é unha actividade teórico-práctica de carácter gratuíto dirixida principalmente a persoas matriculadas nalgún máster da USC. O proceso formativo consta dunha parte lectiva, de 30 horas de duración, na que se transmiten conceptos imprescindibles para a creación dunha empresa e refórzase con 40 horas de titorización a distribuír entre todos os grupos de traballo. Os módulos a impartir na fase lectiva incidirán en cuestións relativas ao ecosistema do emprendedor, estratexia, innovación, finanzas, mercadotecnia, operacións, propiedade intelectual e comunicación. Ademais, cada grupo que se cree entre os/as participantes elaborará un plan de negocio partindo dunha idea de empresa para o que contará coa axuda dun titor. Para rematar, realizarase unha presentación de cada proxecto ao resto do alumnado ou posibles inversores como exercicio práctico de comunicación. As xornadas lectivas terán lugar en novembro os luns días 11, 18 e 25 de novembro e en decembro os luns 2, 9 e 16. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos teléfonos +34 881815593/+34 881815595/+34 881815596 ou formalizar a súa inscrición na web http://a.eoi.es/4rvc.