A ordenación territorial en Cataluña e Asturias, a análise nunhas xornadas xeográficas na USC
O grupo de investigación ANTE que coordina o profesor Rubén Lois organiza esta semana unhas xornadas xeográficas nas que impartirán conferencias recoñecidos xeógrafos españois, algúns dos cales con responsabilidades de ordenación do territorio nos gobernos asturiano e catalán. A presentación das xornadas correrá a cargo do catedrático de Xeografía Rubén Lois, dando paso á quenda de relatorios, que iniciará ás 12.00 horas Oriol Nel•lo Colom, da Universitat Autónoma de Barcelona, que falará sobre dinámicas urbanas e planificación territorial en Cataluña entre 2003 e 2010. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, a relatora será Josefina Gómez Mendoza, catedrática de Análise Xeográfica Rexional da Universidade Autónoma de Madrid, para falar sobre ‘Xeografía española: investigación e profesión’. A última intervención do día correrá a cargo de Guillermo Morales Matos, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade Carlos III de Madrid, que impartirá unha conferencia titulada ‘Un acertado caso de ordenación costeira. O exemplo de Asturias’ . A segunda xornada terá como protagonista a Javier Gómez Montero, catedrático de Literatura e director do Centro de Estudos sobre o Renacemento Español no seu Contexto Europeo (CERES) que proporá un percorrido polas cidades europeas dende a literatura e a crítica literaria.
A asistencia a estas xornadas é libre e gratuíta, polo que todas as persoas interesadas nos temas abordados poden a achegarse e participar nos diferentes relatorios.