O Consello de Goberno estuda unha convocatoria fin de carreira para os títulos de grao e máster
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reúnese este martes 24 en sesión ordinaria para estudar, entre outros asuntos, a implantación dunha convocatoria extraordinaria –adiantada do segundo cuadrimestre ao primeiro– de fin de carreira para as titulacións de grao e máster, o que permitiría ao alumnado rematar os seus estudos sen perder un curso académico. Ademais, na xuntanza deste martes que comezará ás 9.30 horas no Salón Reitoral de San Xerome trataranse outros moi diversos asuntos; entre eles, unha proposta de acordo extraordinario para a cobertura interna directa de prazas de PDI contratado e a modificación da normativa sobre o criterio de antigüidade para efectos internos na USC.