Pasar al contenido principal

O profesor Arturo López Quintela imparte unha conferencia no Ciqus sobre os clústeres atómicos subnanométricos

O profesor e investigador do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC Arturo López Quintela impartirá este venres 27 a conferencia ‘Clústeres cuánticos atómicos de tamaño subnanométrico: un novo paradigma en catálise’. A sesión celebrarase a partir das 12.15 horas na Aula de Seminario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus). O tema desta conferencia está relacionado co artigo que acaba de publicar a revista Nature Chemistry e no que colaboran o propio Arturo López-Quintela e o tamén investigador da USC David Buceta. Nel dáse conta das actividades catalíticas excepcionais que presentan clústeres de ouro de entre 5 e 10 átomos para a oxidación aeróbica de tiofenois con osíxeno. Esta reacción é de grande importancia industrial porque a presenza de compostos que conteñen xofre no petróleo cru, diésel e outros combustibles produce corrosión, mal olor, contaminación ambiental. Como explican os investigadores, estes estudos permiten abrir un novo horizonte no desenvolvemento dunha nova familia de materiais catalíticos con extraordinarias potencialidades tanto na denominada Química Verde como nas fontes alternativas de enerxía. Clústeres cuánticos

Os clústeres cuánticos atómicos formados pola agrupación dun número pequeno de átomos de metais en estado de oxidación representan un novedoso estado da materia, localizado entre o material masivo (ou en forma de micro/nanopartículas) e o dos átomos correspondentes. Nos últimos anos no grupo de investigación Nanomag do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago, codirixido por Arturo López-Quintela e José Rivas, desenvolvéronse diferentes métodos de produción destes materiais mediante métodos químicos baseados no control cinético, o que permite obtelos sen a utilización de ligandos fortes de protección, que inhiben moitas das súas interesantes propiedades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2013.