O programa Argos propiciará a constitución de equipos de emprendedores con perfil multidisciplinar

Na mitoloxía grega Argos, hijo de Aréstor, era un construtor de barcos. Un deles, o veleiro Argo foi usado por Jasón na busca da pel de ouro do carneiro alado Crisomallo. Tomando como punto de partida o espírito dos argonautas, a Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) está a desenvolver Argos, un programa de creación de equipos emprendedores no que tamén colaboran a incubadora de empresas da USC, Uninova, e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa Argos busca persoas dispostas a traballar en equipo para desenvolver un proxecto de negocio innovador no que embarcarse na busca do seu futuro. A convocatoria está dirixida ao alumnado de calquera centro e titulación da USC nos últimos anos de carreira, estudantado de posgrao así como a titulados/as das últimas tres promocións. Ata o 31 de xullo, estase a desenvolver a Fase I do programa: as persoas interesadas poden inscribirse achegando un breve currículo sinalando titulación e expediente e todas aquelas actividades extra académica que se consideren salientables. A inscrición dará acceso a unha carteira de patentes da USC sobre a que poderán traballar os distintos equipos, ademais de que cada grupo poida desenvolver as súas propias ideas; a información en liña sobre innovación en emprendemento; e a un grupo de traballo Linked-in no que empezar a compartir información e experiencias. O primeiro reto da convocatoria será a preselección de candidaturas de distinto perfil e titulación para poder conformar equipos multidisciplinares. Para acadar máis información, as persoas interesadas dispoñen dos perfís de Argos en Facebook e Twitter (ArgosUSC), así como do correo electrónico argos [at] usc.es (argos[at]usc[dot]es) e do teléfono 881 815 595.