Pasar al contenido principal

O Observatorio Astronómico da USC estuda tres bólidos observados en Galicia o pasado agosto

Imaxe obtida da grabación realizada polas cámaras do OARMA da traxectoria do bólido do dia 14
Imaxe obtida da grabación realizada polas cámaras do OARMA da traxectoria do bólido do dia 14

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) está a estudar os tres bólidos que en distintas datas puideron observarse en Galicia no mes de agosto. O primeiro deles foi visible na parte occidental da Comunidade ás 21.53 horas do dia 14, o segundo veuse na zona das Rías Baixas o dia 22 cara ás 22.10 horas e finalmente o pasado venres día 30 preto das 21.30 horas foi avistado outro neste caso cara o interior de Galicia. Os bólidos prodúcense cando unha pedra cósmica (meteoroide) que se está movendo nunha órbita en torno ao sol penetra na atmosfera terrestre producindo unha luminosidade importante, máis brillante que o planeta Venus, e que pode durar varios segundos. Nalgúns casos é posible que restos destes corpos cheguen ao chan sendo o que se denomina meteoritos. O Observatorio da USC solicita a colaboración daquelas persoas que teñan observado algúns destes bólidos, podendo poñerse en contacto co OARMA a través do correo electrónico oasec [at] usc.es (oasec[at]usc[dot]es) ou ben chamando ó teléfono 881815016.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.09.2013.