Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago atópase entre as 500 institucións mundiais que máis documentos científicos publicaron entre 2007 e 2011

A Universidade de Santiago atópase entre as 500 institucións mundiais que máis documentos científicos publicaron entre 2007 e 2011
A Universidade de Santiago atópase entre as 500 institucións mundiais que máis documentos científicos publicaron entre 2007 e 2011

Nunha listaxe de máis de 2.600 institucións e universidades de todo o mundo con produción científica, a Universidade de Santiago sitúase no posto 472, mellorando en tres posicións a rexistrada no ano 2012. Así se recolle no informe SIR Global do SCImago Research Group, e que contabiliza e ordena todas aquelas organizacións de calquera país que teñan publicado como mínimo 100 documentos científicos de calquera tipo no último ano do quinquenio analizado e indizados na base de datos Scopus de Elsevier, BV. No informe publicado en 2013 preséntase a produción científica relativa ao período comprendido entre os anos 2007 e 2011.

Para a súa elaboración tómase como referencia a base de datos Scopus, composta principalmente por revistas académicas e actas de congreso. As revistas incluídas axústanse ás normas de calidade académicas, especificamente ao sistema peer-review, e recolectan publicacións científicas de todas as rexións, ademais dunha extensa colección de títulos de revistas en lingua non-inglesa. Concretamente supoñen a consulta de 19.500 revistas con revisión por pares (incluíndo 1.900 revistas Open Access), 400 publicacións comerciais, 360 series de libros e articles in press de 3.850 revistas. Do conxunto de universidades e institucións investigadoras españolas, a Universidade de Santiago está situada no posto 14, e no 168 do conxunto de Europa. A institución académica compostelá incrementa no período 2007-2011 o número total de documentos publicados en revistas académicas indizadas en Scopus (7.492 documentos), así como a porcentaxe da produción da institución publicada en colaboración con institucións de fóra do país (e para o que se ten en conta aqueles documentos que inclúen máis dunha afiliación e ademais, como mínimo un, é dun país distinto) (40,2%). Na edición 2013, a USC mantense no capítulo do impacto normalizado e no índice de especialización. En conxunto, este ránking analiza ademais cuestións como o impacto científico; a ratio de publicacións que unha institución inclúe nas publicacións científicas con maior influencia de todo o mundo; o grado de concentración temática ou dispersión da produción científica dunha institución; os índices de excelencia e os de liderado científico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2013.