A USC e a Universidade Federal do Recôncavo da Bahía cooperarán no desenvolvemento da cultura, o ensino superior e a investigación científica e tecnolóxica

O reitor Juan Casares recibiu este xoves 5 na Reitoría compostelá ao director do Centro de Ciencias Agrarias, Ambientais e Biolóxicas da Universidade Federal do Recôncavo da Bahía (CCAAB), Alexandre Américo Almassy Junior, e ao vicedirector do mesmo centro, Marcos Gonçalves Lhano, xunto aos que tamén estivo presente na xuntanza o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet. O encontro celebrado na Reitoría compostelá serviu tamén para avanzar no desenvolvemento dun convenio marco subscrito por ambas universidades e que regula o intercambio de persoal docente e investigador e estudantado; a formación de docentes e investigadores/as; o intercambio de información e documentación; a cooperación en cursos de grao e posgrao; a realización de seminarios, conferencias, coloquios, encontros ou xornadas; e a publicacións e proxectos científicos. O obxectivo xeral é promover o desenvolvemento e difusión da cultura e, en especial, o desenvolvemento do ensino superior de grao e posgrao e a investigación científica e tecnolóxica. Ademais, dentro deste acordo, ambas universidades xa contemplan a posta en marcha dun programa de intercambio de profesorado e de alumnos. A USC e a Universidade Federal do Recôncavo da Bahía asinaron tamén un acordo marco de colaboración. Foto: Alfonso-Servimav

