Debaten en Santiago sobre inmigración, emigración e identidade na literatura infantil e xuvenil
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) acolle o luns 8 o Seminario Internacional ‘Inmigración/Emigración e Identidade na Literatura Infantil e Xuvenil. Século XXI’, desenvolvido ao abeiro do do Grupo de investigación LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela e do proxecto de investigación A Literatura Infantil e Xuvenil do CRPIH, que inclúe a Rede temática de investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís no Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIXMI), unidades todas elas dirixidas pola profesora Blanca-Ana Roig Rechou. Nesa xornada, os membros da Rede LIXMI, provenientes de máis de vinte universidades españolas, portuguesas, iberoamericanas e americanas, van celebrar a súa reunión anual (a partir das 10.00 horas) para facer balance do labor realizado nos últimos meses e definir a proposta de actividades a desenvolver. Sobre todo, van debater acerca da cuestión ‘Inmigración/Emigración e Identidade na Literatura Infantil e Xuvenil’ dos seus respectivos ámbitos lingüísticos, é dicir, cómo se representa nas obras para os máis novos e tamén sobre propostas de obras relevantes de cada unha das literaturas que se considera de lectura imprescindible para establecer o hábito lector.