Un curso dará a coñece o patrimonio vexetal dos xardíns atlánticos de Galicia e as novas tendencias da xardinería
A programación da Universidade de Verán inclúe este ano un curso que dará a coñecer o patrimonio vexetal dos xardíns atlánticos de Galicia e as novas tendencias da xardinería orientadas ao deseño de novos tipos de xardín, á conservación da biodiversidade e á utilización sustentable. Celebrarase no Centro de Estudos Avanzados os días 4 e 5 de setembro baixo a dirección de María Jesús Sainz e Carmen Salinero cun total de 15 horas lectivas. Baixo o título ‘O xardín atlántico e a xardinería sustentable na Galicia do século XXI’, os distintos relatorios do curso serán impartidos por investigadores da USC e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, así como de diversas empresas galegas e portuguesas dedicadas á xardinería. No que respecta aos temas tratados, as distintas intervencións programadas porán a atención na importancia da camelia, a conservación da biodiversidade ornamental, a protección de árbores e arbustos, ecoindicadores urbanos, os xardíns verticais e as cubertas vexetais ou árbores e formacións singulares de Galicia. Ademais dos relatorios tamén se contempla unha visita ao xardín do pazo de San Cruz de Rivadulla en Vedra. Para acadar máis información así como para completar o proceso de matrícula, as persoas interesadas poden consultar a páxina web da universidade de Verán.