Pasar al contenido principal

Unha mostra en Fonseca conmemora os 50 anos da creación da Fundación Penzol e o centenario do nacemento de Fernández del Riego

Detalle da exposición que recrea a zona de traballo de Fernández del Riego. Foto: Alfonso-Servimav
Detalle da exposición que recrea a zona de traballo de Fernández del Riego. Foto: Alfonso-Servimav

A exposición ‘Unha obra para un país’ conmemora ata o 31 de agosto dúas importantes efemérides que se celebran este ano: o cincuentenario da Fundación Penzol e o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. A inauguración oficial tivo lugar este luns no Colexio de Fonseca nun acto no que interviñeron o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o conselleiro Xesús Vázquez; o director da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez; e unha das comisarias da mostra, María Dolores Villanueva. A mostra –comisariada ademais por Mª Dolores Cabrera Iglesias e Henrique Monteagudo Romero– organízase en dúas seccións complementarias. No Salón Artesoado pode percorrerse ao longo de paneis informativos a vida de Fermín Penzol, a historia da súa fundación, a posta en valor dos seus fondos e unha breve presentación da institución na actualidade. Como complemento, nas diversas mesas e peanas pode apreciarse unha selecta mostra dese valioso patrimonio bibliográfico-documental. O denominado “recanto do bibliófilo” recrea o espazo tan frecuentado e querido por Penzol, cos seus propios mobles, libros e obxectos diversos. Mentres, na Capela gótica, seguindo un esquema similar aínda que con deseño diferente, o centro de interese será a figura e obra de Francisco Fernández del Riego, do que tamén se recrea o seu despacho ou lugar cotián de traballo. Fundación Penzol A Fundación Penzol constitúese en Vigo en abril de 1963 e un mes máis tarde abría as súas portas na rúa Policarpo Sanz a biblioteca, posible grazas á xenerosidade de Fermín Fernández Penzol-Labandera, bibliófilo e galeguista nado en Sahagún de Campos en 1901 e falecido en Compostela en 1981. Dende mozo comezou a recadar todo canto libro, publicación ou documentación varia existía naquela altura sobre Galicia, chegando a conformar unha das coleccións persoais máis completa sobre a memoria escrita do país. Consciente do valor e da utilidade destes fondos decide doalos a Galicia e así créase a Fundación, un centro para o estudo e a investigación da historia e dos problemas da realidade cultural e social galega. Por afinidade de compromiso e militancia galeguista, confía o depósito, custodia e administración dos documentos á Editorial Galaxia, actuando como receptor o seu presidente, Ramón Otero Pedrayo. Ao longo destes cincuenta anos este rico patrimonio fundacional foise incrementado e enriquecendo con numerosas e sucesivas achegas de particulares e entidades, públicas e privadas, tanto de dentro como de fóra do país, nomeadamente do mundo lusófono. Del Riego Dende a súa apertura e ata 2010 exerceu de director da fundación Francisco Fernández del Riego, o outro nome propio que se recoñece nesta mostra e que preservou durante todo ese tempo a institución cultural encetada por Penzol. Del Riego destacou polo seu constante compromiso político-cultural co país, militando dende a mocidade nas máis das sucesivas etapas ou opcións galeguistas (PG, FMG, PSG, CDG...) e contribuíndo, xunto a Xaime Isla e Ramón Piñeiro, á creación e desenvolvemento da Editorial Galaxia. Dirixiu tamén ata o seu número 100 a revista GRIAL eescribiu medio cento de libros, maiormente ensaios divulgativos, e innumerables artigos e colaboracións para diferentes revistas e xornais. ‘Unha obra para un país. Fermín Penzol (1901-1981) / Francisco Fernández del Riego (1913-2010)’ está organizada conxuntamente pola Fundación Penzol; a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC; o Consello Social; a Consellaría de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria; e a Editorial Galaxia.

A inauguración oficial tivo lugar este luns no Colexio de Fonseca nun acto no que interviñeron o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o conselleiro Xesús Vázquez; o director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez; e María Dolores Villanueva, unha das comisarias da mostra.

A mostra pode visitarse no Colexio de Fonseca ata o 31 de agosto. Foto: Alfonso-Servimav

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2013.