Pasar al contenido principal

Santiago acumula oito días consecutivos con temperaturas por riba dos 30 graos

Santiago acumula oito días consecutivos con temperaturas por riba dos 30 graos
Santiago acumula oito días consecutivos con temperaturas por riba dos 30 graos
A máxima da última semana foi de 36º9, rexistrada o pasado sábado

Santiago de Compostela acumula oito días seguidos con temperaturas superiores aos 30 graos, segundo os rexistros do Observatorios Astronómico Ramón María Aller. Concretamente, dende o pasado 4 de xullo ata este mesmo xoves 11, as temperaturas máximas sempre se situaron por riba dos 30 graos: 31º5 (día 4 de xullo), 35º0 (día 5), 36º9 (día 6), 35º5 (día 7), 35º6 (día 8), 32º9 (día 9), 30º9 (día 10) e 32º6 (día 11). Neste mesmo senso, as temperaturas mínimas neste mesmo período oscilaron entre os 16º1 do venres 5 e os 19º3 do domingo 7. Como explica o director do Observatorio compostelán, José Ángel Docobo, aínda que estas temperaturas non representan un récord en si mesmas van camiño de converterse, xa que o precedente a esta situación atópase no mes de xullo de 1990 cando se rexistraran nove días consecutivos con termómetros por riba dos 30 graos, concretamente 31º4, 34º9, 37º8, 38º5, 40º3, 35º5, 35º8, 33º0, e 34º5. Nese mesmo ano, o día 20 de xullo tivo lugar a temperatura máxima das últimas décadas en Santiago, 40º3. Casos similares noutros anos poden atoparse en agosto de 2003, cando se sobrepasaron os 30º en 14 ocasións, aínda que non máis de cinco seguidas, explica o profesor Docobo. Outros veráns as máximas estiveron por riba dos valores destes días, por exemplo, o 12 de agosto de 2003 ou o 17 de xullo de 2006, cando se mediron 39º7 e 38º7, respectivamente. Temperaturas mínimas Segundo os mesmos datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, en canto a temperaturas mínimas, a máis elevada destes últimos días foron os 19º3 do pasado día 7, aínda lonxe das noites tropicais do 3 de agosto de 2003 (22º9)ou do 27 de xuño de 2012 (22º9) e sobre todo dos 23º9 dos que non baixaron os termómetros en Compostela na noite do 19 ao 20 de agosto de 1993.

Como engade José Ángel Docobo, o que si é salientable é o seco comezo do mes de xullo, que non se repetía dende xullo de 2005, logo de varios anos nos que o mes do Apóstolo comezaba con días chuviosos e ás veces incluso con temperaturas impropias da época. De feito esta característica vense observando nas últimas décadas coa excepción xa indicada de 2005.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.07.2013.