Pasar al contenido principal

Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, visita a USC en setembro convidado polo programa ConCiencia

Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, visita a USC en setembro convidado polo programa ConCiencia
Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, visita a USC en setembro convidado polo programa ConCiencia

Co suxerinte título ‘Folgazán vs. descoidado: a historia épica da enerxía, entropía, temperatura, o último destino do universo e o rol do supernatural’ presentarase Eric Allin Cornell, Nobel de Física en 2001, o 17 de setembro ante o público que asista á súa conferencia no Auditorio de Novagalicia Banco. Trátase dunha nova visita científica do programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Economía e Competitividade. Eric Cornell, profesor na Universidade de Colorado Boulder (Estados Unidos), conseguiu o Nobel en 2001 “por acadar condensación de Bose-Einstein en gases diluídos de átomos alcalinos, e polos primeiros estudos fundamentais das propiedades de ditos condensados". En base a un traballo do físico hindú S. N. Bose, Albert Einstein prediciu en 1925 que ao ir baixando moito a temperatura podíase dar un novo estado da materia: un grupo de átomos pechados moi xuntos nunha caixa, que en principio se comportan como un conxunto de bolas rebotando unhas con outras, empezan a sentirse uns aos outros. O enfriamento reduce a súa velocidade e, ao facelo, as leis da física cuántica (principio de incertidume) ditan que a súa posición se difumina: os átomos crean un borrón de materia no cal perden a súa identidade individual confundíndose así nunha única nube cuántica que se pode observar macroscopicamente. Esa condensación dos átomos, chamada condensado de Bose-Einstein, foi unha quimera teórica durante 70 anos, ata que en 1995 Carl Wieman e Eric Cornell (entón con 33 anos de idade) conseguiron acadar tal estado, enfriando átomos de rubidio con láseres e campos magnéticos ata a ínfima temperatura de 170 nK (170 mil millonésimas de grao por riba do cero absoluto). Nesa temperatura tan baixa, tal e como predicira Einstein, as ondas de materia deses átomos coordináronse e comportáronse como se fosen un novo ente, un superátomo produto da condensación do conxunto, que ten unha resposta conxunta coordinada.

O achado non só pechou unha busca de 70 anos no mundo da física senón que marcou un antes e un despois na disciplina, dando nacemento a unha liña de traballo que día a día sorprende con novos fitos. A revolución foi de tal magnitude que só 6 anos despois Cornell foi galardoado co Premio Nobel (aos 39 anos) xunto a Carl Wieman e Wolfgang Ketterle. As posibilidades que abre este novo estado da materia están dando resultados asombrosos non só nas bases da propia física senón tamén no eido tecnolóxico, en telecomunicacións, tratamento de materiais, desenvolvemento de reloxos atómicos do tamaño dun chip ou computación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.07.2013.