Pasar al contenido principal

Presentación do encontro internacional que analizará a influencia da economía na saúde

Expertos internacionais reuniranse este mércores 17 e o xoves 18 para determinar a influencia da economía na saúde da cidadanía e achegar propostas para mitigar os efectos prexudiciais. Os principais detalles do encontro presentaranse nunha rolda de prensa este mércores 17 na que participarán o ex ministro británico, membro da Cámara dos Lores e médico, lord David Owen, e o catedrático emérito do Instituto Karolinska de Estocolmo, Lennart Levi. Xunto a eles tamén estarán presentes o reitor Juan Casares e o catedrático de Farmacoloxía e director do Laboratorio de Estres e Neurinmunoloxía da Facultade de Medicina, Manuel Freire-Garabal. A rolda de prensa para a presentación do encontro comezará ás 13.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Investigadores do Laboratorio de Estres e Neurinmunoloxía da Facultade de Medicina da USC e da Universidade de Estocolmo organizan estas dúas sesións de traballo que teñen como nexo común a influencia da economía na saúde, con especial atención ao estres. Concretamente están programadas dúas sesións, o mércores 17 pola tarde na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia celebrarase unha xornada aberta ao público baixo o título ‘Estres, saúde e economía’ e o xoves 18 no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) a porta pechada, co lema ‘Crise económica, desemprego, consecuencias sociais e sobre a saúde e efecto secundarios da acción e na inacción’. Ao encontro, coordenado por Manuel Freire-Garabal, acudirán expertos das universidades de Estocolmo, Lancaster, Pekin, Dusseldorf e Santiago, a London Business and Finance School, a London School of Economic and Political Science, a International School of Law and Business de Lituania, altos representantes da Organización Mundial da Saúde, da Unión Europea, da Asociación Sueca de Autoridades e Rexións, EUROFUND e o Work Research Centre de Dublín, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2013.