Pasar al contenido principal

As tres universidades galegas e a Consellería de Sanidade asinan un convenio marco para a colaboración entre os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia

A sinatura celebrouse na sede da Consellaría coa participación dos tres reitores e a titular autonómica de Sanidade. Foto: Conchi Paz
A sinatura celebrouse na sede da Consellaría coa participación dos tres reitores e a titular autonómica de Sanidade. Foto: Conchi Paz

O reitor Juan Casares xunto aos seus homólogos das universidades da Coruña e de Vigo, Xosé Luis Armesto e Salustiano Mato, respectivamente, asinaron este venres un convenio marco coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para a colaboración entre os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia. Tamén asistiron os directores científicos dos tres institutos, José Castillo Sánchez, do de Santiago (IDIS); Francisco Blanco García, do da Coruña (INIBIC); e Carmen Navarro Fernández-Balbuena, do de Vigo (IBIV). O acordo determina o marco de colaboración entre a Consellaría de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas en programas conxuntos para o fomento de actividades de interese común en investigación, docencia, desenvolvemento e innovación, entre os Institutos de Investigación Sanitaria de Galicia, concretándose en proxectos que se asinarán como convenios específicos. Elementos claves e estratéxicos Con este acordo, preténdese facilitar as liñas de colaboración e participación entre os profesionais de diferentes departamentos universitarios e dos centros sanitarios vinculados cos institutos, así como difundir, nos seus respectivos ámbitos, os resultados dos proxectos e actividades que se realicen. Como se puxo de manifesto no acto protocolario, os institutos de investigación sanitaria son claves e estratéxicos para o futuro da investigación e a innovación no sistema sanitario, pois potencian preferentemente a investigación translacional e a incorporación do coñecemento á práctica asistencial. Os institutos, como estruturas de coordinación, xestión, transferencia e avaliación das actividades de I+D+i, e, nun ámbito máis amplo, das actividades de xestión do coñecemento en biomedicina e ciencias da saúde, teñen como misión impulsar a investigación biomédica e a innovación no ámbito da saúde, aproveitando as oportunidades de alto nivel técnico das estruturas sanitarias asistenciais públicas. Ademais, facilitan a capacidade para a captación de recursos económicos e a súa xestión transparente ante a cidadanía. O convenio hoxe asinado estará vixente ata decembro de 2015, podendo ser prorrogado por períodos anuais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.07.2013.