Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago pon en marcha a súa Sede Electrónica

A Universidade de Santiago pon en marcha a súa Sede Electrónica
A Universidade de Santiago pon en marcha a súa Sede Electrónica

A Universidade de Santiago acaba de poñer en funcionamento a súa Sede Electrónica, unha oficina virtual de atención a usuarios/as en Internet a calquera hora, todos os días do ano. A Sede diríxese a membros da comunidade universitaria e á cidadanía que desexen realizar as súas xestións coa USC a través de Internet coa mesma validez que de xeito presencial. Funcionará de conformidade cos principios de responsabilidade, integridade, accesibilidade, seguridade, veracidade, calidade e actualización de información e servizos. Coa implantación da sede electrónica, a Universidade compostelá pretende facilitar o acceso aos seus servizos ao tempo que crear un espazo de relación coa cidadanía no marco dunha xestión administrativa coas garantías necesarias, diferenciando o concepto de portal de comunicación do de sede electrónica. Así, o portal www.usc.es ten un compoñente institucional, de información xeral sobre a Universidade, mentres que a sede electrónica establece un marco de comunicación e interacción coa cidadanía en relación cos servizos electrónicos prestados pola Universidade. A través da Sede Electrónica accederase á información dos procedementos, realización de trámites, presentación de documentos no rexistro electrónico, formulación de queixas e suxestións, consulta do taboleiro de anuncios da USC ou verificación de documentos electrónicos expedidos pola Universidade. Para completar o conxunto, o certificado da Sede garante o acceso aos seus contidos con seguridade. Para a súa posta en marcha, o pasado mes de marzo publicouse no Diario Oficial de Galicia o regulamento polo que se implantan medios electrónicos que faciliten o acceso da cidadanía aos servizos públicos da Universidade compostelá e se crean a sede electrónica, o Rexistro Electrónico e o taboleiro de anuncios oficial. O catálogo de produtos inicial que ofrece a USC en formato de administración electrónica dende este mesmo luns 17, inclúe procedementos para persoal docente e investigador e de administración e servizos, estudantado e cidadanía en xeral que poderá acceder á solicitude de certificacións automatizadas no ámbito da Oficina de Investigación e Tecnoloxía e a procedementos no ámbito da Xestión Académica (admisión para realizar estudos, expedientes académicos, recoñecemento de estudos, cambios ou certificacións e acreditacións, entre outros). Para o vindeiro mes de setembro estase a traballar na inclusión dun segundo bloque de procedementos xa identificados e inventariados sobre admisión ou continuación de estudos, matrícula, prezos públicos, títulos ou expedientes académicos e outros procedementos de carácter transversal. O órgano responsable da xestión e seguridade da Sede Electrónica corresponde á Secretaría Xeral, que tamén coordinará e supervisará a implantación das medidas xurídicas, tecnolóxicas e administrativas que sinala a Lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, o regulamento propio da USC e as resolucións posteriores que se diten.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2013.