Un curso en liña céntrase no desenvolvemento dun plan de empresa con perspectiva de xénero
Uniemprende organiza un curso en liña que iniciará ás persoas interesadas nun proceso de reflexión que permita transformar unha idea de negocio nun novo produto ou servizo. Co lema ‘ Do coñecemento ao mercado: metodoloxía para o desenvolvemento dun plan de empresa con perspectiva de xénero’, este curso celebrarase entre os días 1 e 24 de xullo cunha carga lectiva de 40 horas e matrícula gratuíta. A data límite de inscrición é o 27 de xuño. Este curso está baseado na metodoloxía de “aprender facendo” coa que as persoas que o sigan poderán desenvolver unha idea de negocio, lanzar un novo produto ou servizo nunha empresa xa creada ou explorar novos mercados. O obxecto é fomentar o emprendemento integral responsable e con perspectiva de xénero. O modelo de traballo no que se baseará o programa é o desenvolvido polo proxecto innovatia 8.3, dirixido a crear un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica no contorno universitario. Esta acción formativa está dirixida a persoal técnico que realice asesoramento nas Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), a persoal emprendedor real ou potencial, persoas interesadas na promoción de empresas de base tecnolóxica, integrantes de empresas de base tecnolóxica e persoal investigador universitario. O programa intégrano seis bloques temáticos nos que se mesturan os contidos teóricos coa realización de exercicios de natureza práctica, a partir do desenvolvemento preliminar da idea de negocio e continuando polo estudo de mercado e catálogo de servizos ou produtos,, a proxección do negocio e o plan de mercadotecnia e comunicación, o plano económico e financeiro, o desenvolvemento sustentable e outros factores que inciden no éxito da iniciativa como o plan de empresa, o resume executivo ou as presentacións eficaces. As persoas interesadas poden solicitar máis información na dirección de correo electrónico uniemprende [at] usc.es (uniemprende[at]usc[dot]es), no teléfono 881 815 563 ou a través da web de Uniemprende.