A I Xornada Universitaria Galega en Xénero crea un punto de encontro para todo o persoal investigador galego neste eido

As oficinas de igualdade das tres universidades galegas organizan a I Xornada Universitaria Galega en Xénero que se celebra en Santiago de Compostela este xoves 20 e o venres 21. Créase así un punto de encontro, reflexión e debate das persoas interesadas e dedicadas á investigación en xénero. O lema desta primeira edición é ‘Roles de xénero en tempos de crise’, como un reposta ao actual momento de crise económica, financeira, social e cultural e como vía para reflexionar sobre as súas repercusións nos roles de xénero. Non obstante, a Xornada nace con vocación de continuidade e cada ano achegarase a unha temática distinta, analizada dende unha dimensión de xénero e cunha visión multidisciplinar A inauguración oficial do encontro celebrouse este mesmo xoves na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados presidida polo reitor Juan Casares. Tamén interviñeron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva; a de Responsabilidade Social da Coruña, Araceli Torres; e a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inmaculada Valeije. A I Xornada Universitaria Galega en Xénero estrutúrase en tres áreas temáticas nas que se profunda nas políticas públicas de igualdade, baixo a coordinación da Oficina de Igualdade de Xénero da USC; sobre mulleres e mercado laboral, coordinada pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Coruña; e arredor da corresponsabilidade e conciliación, da que se encargará a Unidade de Igualdade de UVigo. Ademais de para crear un punto de encontro e intercambio para aproveitar as sinerxías do persoal docente e investigador do Sistema Universitario Galego, estas xornadas impulsarán o debate sobre os cambios nos roles de xénero no momento actual ao tempo que dar visibilidade ás investigacións neste eido e promover a creación de redes de investigación interuniversitarias e multidisciplinares con perspectiva de xénero. Logo do acto inaugural, Arantxa Elizondo, da Universidade do País Vasco, referiuse ao caso de Euskadi en canto aos logros e retos nas políticas de igualdade, dando paso a unha mesa redonda sobre a primeira área temática, das políticas públicas de igualdade. A xornada da tarde arranca ás 16.00 horas coa conferencia de Lina Gálvez, da Universidade Pablo de Olavide, titulada ‘ Intensificación do traballo das mulleres en tempos de crise’. Deseguido, celebrarase unha mesa redonda sobre mulleres e mercado laboral. Venres 21
O programa do venres 21 principiará ás 10.00 horas coa conferencia ‘Two paradigms for reconciling family and work’ de Colleen Sheppard, da McGill University de Montreal. Seguiralle a mesa redonda dedicada a corresponsabilidade e conciliación. A partir das 13.00 horas, a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Eva Aguayo; a directora da Oficina homónima da Universidade da Coruña, Ana Jesús López; e a directora da Unidade de Igualdade de Vigo, Anabel González, presentarán as conclusións da xornada.
No Centro de Estudos Avanzados déronse cita medio centa de persoas. Foto Alfonso-Servimav