O campus de Lugo impartirá o vindeiro curso trece dos 75 másteres oficiais ofertados pola Universidade

Os centros universitarios do campus de Lugo impartirán o vindeiro curso académico 2013-2014 trece dos 75 másteres oficiais ofertados pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no marco dunha ampla programación de estudos de posgrao presentada este xoves na Facultade de Veterinaria de Lugo e que posibilita aos titulados/as universitarios/as ampliar a súa formación nas distintas grandes áreas do saber.
Os 75 títulos de másteres oficiais da USC abranguen todas as áreas de coñecemento e os tres perfís posibles destes programas: profesional, académico e investigador. Así, do total dos programas ofertados, 15 pertencen á área de ciencias; 13 a de ciencias da saúde, 27 a de ciencias sociais e xurídicas; 10 a enxeñaría e arquitectura, e 10 a artes e humanidades. O abano de másteres oficiais impartidos nos distintos centros universitarios do campus de Lugo tamén é heteroxéneo. De feito, no eido das ciencias da saúde pódense atopar ata tres propostas: Investigación básica e aplicada en ciencias veterinarias, Prevención de riscos laborais e saúde medioambiental, e Investigación e medicina e sanidade veterinaria. Avogacía, que se pode cursar tanto en Lugo como en Santiago, ou os másteres en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, Formación do Profesorado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e ensino de linguas, tamén dispoñible nos dous campus da USC, completan a oferta luguesa dos másteres de ciencias sociais e xurídicas. No eido das enxeñarías e da arquitectura, a sede universitaria luguesa ofrece tamén diversos másteres, tales como Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, Dirección de Proxectos, Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes ou Xestión Sustentable da Terra e do Territorio. Esta oferta de programas oficias de posgrao no campus de Lugo complétase co máster en Servizos Culturais, un itinerario formativo ligado ao ámbito das artes e as humanidades que está a ser moi demandado por titulados universitarios e profesionais en activo. Asemade, a USC tamén participa con profesorado do campus de Lugo no máster interuniversitario e virtual Nutrenvigen G+D factors. O acto de presentación en Lugo da programación de másteres da USC para o curso 2013-14, cuxa oferta está accesible en http://www.usc.es/gl/titulacions/pop/index.html, congregou este xoves un bo número de estudantes, titulados e profesionais na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde os coordinadores dos distintos programas de posgrao deron cumprida información sobre as súas respectivas propostas formativas. A mostra da oferta de másteres oficiais da USC permanecerá aberta ao público na Facultade de Veterinaria ata o vindeiro xoves, día 27 de xuño. As estatísticas de matrícula indican que a Universidade de Santiago de Compostela formalizou este curso a matrícula de 1.705 persoas nos seus másteres. Do total das persoas inscritas, 320 completaron os seus estudos de posgrao no campus de Lugo, unha cifra que podería incrementarse o vindeiro exercicio 2013-14 coa implantación dos novos másteres en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes.
A formación de posgrao constitúe só parte da oferta da Universidade de Santiago de Compostela, que tamén ofrece a posibilidade de cursar ata 48 titulacións de grao diferentes, 33 na súa sede de Compostela e 15 en Lugo. A esta programación cómpre sumar a coexistencia de diversas licenciaturas e enxeñarías.