O cambio climático perde relevancia en tempos de crise

O contexto actual de crise económica está a diminuír a relevancia que a poboación outorga ao cambio climático e ás ameazas que comporta. Así o apunta o estudo do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC co apoio da Fundación Mapfre na terceira ondada do informe ‘La respuesta de la sociedad española ante el cambio climático. 2013’ presentado este xoves en Madrid. O informe explora a percepción da poboación española sobre a problemática das alteracións climáticas. Os datos dos investigadores do grupo da USC, baixo a dirección do profesor Pablo Á. Meira Cartea, amosan que a conciencia social sobre o cambio climático non depende unicamente de que a poboación teña un acceso maioritario á información sobre esta materia. En opinión dos estudosos, existen outras variables ligadas a factores contextuais e situacionais que están a condicionar as percepcións. Neste sentido, o 90,1% das persoas enquisadas consideran que o cambio climático está a ocorrer, pero non o sinalan entre os principais problemas que lles afectan a elas mesmas e á cidadanía no seu conxunto. A dificultade para valorizar os riscos climáticos está ligada a unha conxuntura de profunda crise económica que focaliza a atención social e dilúe outras ameazas que non sexan as derivadas da mesma crise, explican dende o grupo SEPA. O informe presentado, o terceiro dun proxecto iniciado en 2008, ten como finalidade principal mellorar a comprensión de como a sociedade española percibe e representa o cambio climático, o que se denomina o “factor social”. O coñecemento deste factor é unha variable clave para impulsar políticas que contribúan a mitigar os riscos ambientais, sociais, sanitarios e económicos que comporta e comportará para a sociedade española. A presentación desta terceira ondada celebrouse na Fundación Mapfre en Madrid coa presenza do director do estudo Pablo Á. Meira; do secretario de estado de Medio Ambiente, Federico Ramos; e do presidente da Fundación Mapfre, Alberto Manzano. Para a realización deste traballo realizáronse 1.300 entrevistas persoais e domiciliarias en 98 localidades correspondentes a 41 provincias españolas a persoas maiores de 18 anos. A recollida desenvolveuse entre o 12 de maio e o 15 de xuño de 2012 en base a un cuestionario semiestruturado.