Pasar al contenido principal

Publícanse os resultados do Proxecto ESPON-SIESTA

Publícanse os resultados do Proxecto ESPON-SIESTA
Publícanse os resultados do Proxecto ESPON-SIESTA
Analízase a dimensión territorial da Estratexia Europa 2020 para saír da crise

Entre xuño de 2011 e decembro de 2012 a Universidade de Santiago de Compostela liderou con éxito o proxecto SIESTA (Spatial Indicators for a ‘Europe 2020’ Strategy Territorial Analysis), dirixido a explorar a dimensión territorial da Estratexia ‘Europa 2020’ aprobada en 2010 no marco do programa comunitario de investigación en materia territorial ESPON (European Observation Network for Territorial Development and Cohesion, Rede europea de observación para o desenvolvemento e a cohesión territoriais). Dado que a Comisión Europea fixa na ‘Europa 2020’ o camiño para saír da crise, os resultados do proxecto son relevantes para as rexións e as cidades europeas á hora de comprender en qué situación se atopan e determinar o camiño a seguir en relación aos obxectivos fixados para esa data. Derivadas do informe final do proxecto entregado en decembro de 2012, acaban de aparecer dúas publicacións en inglés que conteñen as claves principais da investigación. Dunha banda, un atlas publicado por ESPON denominado Territorial Dimensions of the Europe 2020 Strategy (As dimensións territoriais da Estratexia ‘ Europa 2020’) e doutra, o libro editado pola Universidade de Santiago de Compostela titulado European Regions in the Strategy to Emerge from the Crisis (As rexións europeas na estratexia para saír da crise) que foi coordinado por Rubén Camilo Lois e Valerià Paül. O atlas de ESPON, presentado en Dublín o 13 de xuño no marco da presidencia semestral irlandesa da Unión Europea, comunica os resultados do proxecto mediante unha colección cartográfica comentada a través de mensaxes breves e intencionadas. O atlas ten como finalidade básica axudar á toma de decisións por parte dos niveis políticos e administrativos pertinentes de todo o territorio comunitario. O documento inclúe 44 mapas e varias figuras e táboas. Pódese descargar gratuitamente da páxina web de ESPON. O libro da USC ten unha vocación distinta ao atlas pois recolle a reflexión académica desenvolvida polo proxecto, de modo que presenta a análise previa que no atlas se transformou nun texto de natureza sintética. Deste xeito, o libro estrutúrase en doce capítulos temáticos, cada un coa súa respectiva listaxe bibliográfica. As distintas seccións foron levadas a cabo polos investigadores involucrados no proxecto SIESTA. O libro pódese adquirir no Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2013.