Pasar al contenido principal

A Politécnica, unha escola conectada co mundo laboral

Manuel Figueira recolle o diploma e a insignia de enxeñeiro técnico agrícola na Politécnica
Manuel Figueira recolle o diploma e a insignia de enxeñeiro técnico agrícola na Politécnica
A Escola Politécnica de Lugo salienta a inserción dos seus titulados e prevé boas expectativas de traballo para as enxeñarías agronómicas e medioambientais

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo segue a manter unha importante conexión co mercado laboral, tal e como o reflicten as estatísticas de ocupación dos enxeñeiros técnicos que veñen de rematar a súa formación no centro universitario lugués, novos egresados que nalgún caso xa comezan a desenvolver distintos cometidos profesionais nada máis rematar os exames e incluso antes de recibir os diplomas e insignias como agasallo dos respectivos colexios profesionais.

A saída das aulas e o tránsito cara a empresa acostuma ser un treito difícil, mais este recorrido foi extraordinariamente curto para os enxeñeiros agrícolas José Manuel Rodríguez, Hiram Varela e Manuel Figueira, que ata fai moi pouco tempo ocupaban pupitre nas aulas da Escola Politécnica Superior. José Manuel e Hiram, dous dos titulados da última promoción de enxeñeiros técnicos agrícolas na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias, apenas tiveron tempo para descansar logo de cumprir coas súas obrigas académicas, xa que de seguido comezaron a súa andaina profesional. José Manuel Rodríguez achou achou a súa primeira ocupación laboral en Camariñas, onde está a traballar desde hai varios meses nunha empresa ligada ao sector pesqueiro. Mentras, o coruñés Hiram Varela non dubidou en aproveitar algúns dos contactos co mundo empresarial tecidos durante a súa etapa universitaria para desenvolver por encarga o proxecto dunha novidosa depuradora de xurro. O profesor da Politécnica Juan Mesas, que é o coordinador do grao en Enxeñarías das Industrias Agroalimentarias, salientou que a rápida inserción laboral destes dous novos egresados do centro universitario lugués, é un síntoma claro das diversas posibilidades de ocupación que ofrecen as enxeñarías técnicas, que, aínda na actualidade, “rexistran un nivel de inserción laboral sensiblemente superior ao que deparan outras titulacións universitarias”, dixo. As primeiras experiencias laborais destes dous enxeñeiros técnicos agrícolas na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias son moi diferentes, ao tempo que nada teñen que ver o horizonte laboral que xa comezou a debuxar o compañeiro de promoción na Escola Politécnica Superior de Lugo Manuel Figueira. Este enxeñeiro técnico agrícola, coa especialidade en Mecanización Agraria e Construcións Rurais, pouco menos tivo que mudarse de Lugo a Ponteceso para comezar a traballar nunha planta de fabricación de maquinaria agrícola, onde está a desenvolver con satisfacción o seu cometido profesional. “Os comezos sempre son difíciles, pero certo é que desde que presentei o proxecto de fin de carreira non parei de traballar”, comenta Manuel Figueira, quen tamén subliña que “atopei este traballo logo de moito zapatear e logo mandar moitos currículos, pois as oportunidades hai que buscalas”. Do mesmo xeito que José Manuel e Hiram, Figueira é un froito da última fornada de enxeñeiros técnicos agrícolas egresados da Escola Politécnica Superior de Lugo e, curiosamente, o seu perfil tamén responde ao dos cada vez menos titulados universitarios que saltan dos pupitres á actividade profesional. O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, que tamén é profesor de Mecanización, subliña a importancia destes casos de rápida empregabilidade dos titulados egresados da EPS, un feito, que na súa opinión, corrobora que o mercado laboral segue a demandar enxeñeiros e profesionais capacitados para desenvolver distintos cometidos no edio agroalimentario e do medio natural. As previsións de que a poboación mundial medrará sensiblemente nas vindeiras décadas é outro dos argumentos empregados por Javier Bueno á hora de aventurar un cada vez mellor futuro para as enxeñarías ligadas ao territorio e ao sector primario, xa que “cómpre producir e xerar alimentos para satisfacer as necesidades básicas dunha poboación cada vez máis numerosa”, afirma.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2013.