Pasar al contenido principal

Expertos internacionais revisarán na USC a perspectiva xurídica da violencia de xénero, psicolóxica e sexual

Aberto o prazo de inscrición e de presentación de comunicacións

A Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC revisará dende a perspectiva xurídica a incidencia da violencia de xénero, do acoso moral ou psicolóxico (mobbing), así como do acoso sexual e discriminatorio no contorno laboral facendo especial fincapé na súa regulación dende o Dereito do Traballo español e comparado. Este será o tema central do Congreso Internacional ‘Violencia, saúde e traballo en tempo de crise. Violencia de Xénero, psicolóxica e sexual no Dereito do Traballo’. O prazo de matrícula xa está aberto, así como o de presentación de comunicacións e da súa versión final, proceso que deberá terse resolto antes do 20 de xuño. O Congreso celebrarase do 15 ao 17 de xullo na USC e contará coa presenza de expertos de España, Italia, Portugal, Francia, México ou Rusia, o que permitirá unha abordaxe das cuestións propostas dende un enfoque internacional. Dereitos fundamentais e violencia no traballo, a violencia de xénero en España e Portugal, o acoso moral ou psicolóxico en Francia, Italia, Portugal, México e España ou a política da Organización Internacional de Traballo e da UE sobre saúde e riscos psicosociais son algúns dos temas que se presentarán en forma de conferencias. O programa tamén incluirá unha serie de seminarios monográficos e sesións interactivas sobre a violencia de xénero na perspectiva do dereito internacional e comparado, a súa relación coa autonomía colectiva e a protección social, o poder de dirección e organización do empresariado e os riscos psicosociais no traballo ou cuestións de protección social no caso de persoas con discapacidades. Este congreso está coorganizado xunto coa Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, co patrocinio da Xunta de Galicia e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a lourdes.mella [at] usc.es (lourdes[dot]mella[at]usc[dot]es), consuelo.ferreiro [at] usc.es (consuelo[dot]ferreiro[at]usc[dot]es) ou alicia.villalba [at] usc.es (alicia[dot]villalba[at]usc[dot]es). Tamén está dispoñible a web: http://derechodeltrabajoyviolencia.wordpress.com/.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2013.