Unha delegación da universidade peruana de Ica visita o campus lugués para coñecer a súas instalacións e os planos de estudo

Unha delegación de docentes, investigadores e responsables académicos da universidade peruana de Ica visitou este luns distintos centros docentes e de investigación do campus de Lugo co dobre obxectivo de coñecer as instalacións e algún dos centros de investigación desta sede universitaria, ademais de afondar na análise dos planos de estudo das distintas titulacións que se imparten.
Os profesores Celso Rodríguez e Francisco Maseda, que no seu día visitaron a citada universidade peruana, actuaron este luns como acompañantes dos 16 emisarios latinoamericanos, unha comitiva que recala en Lugo logo desde Compostela, onde está a visitar tamén distintos centros da USC. Os representantes da Universidade de Ica mantiveron cadansúa reunión co director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, e co decano da Facultade de Formación de Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás. Bueno e Rodríguez Lestegás aproveitaron estes encontros para dar conta da oferta académica dos seus respectivos centros universitarios, así como para intercambiar opinións sobre cuestións de planificación e organización académica. Logo destas xuntanzas de traballo, a delegación da universidade peruana tamén visitou o hospital veterinario universitario Rof Codina, o Laboratorio de Enxeñaría Estrutural, emprazado na Escola Politécnica Superior, e o xacemento romano da Domus do Mitreo.