Pasar al contenido principal

O Consello Social da Universidade de Santiago conmemora o seu primeiro 25 aniversario

Manuel Puga Pereira conversa co reitor Juan Casares e os ex reitores Senén Barro e Darío Villanueva. Foto: Santi Alvite
Manuel Puga Pereira conversa co reitor Juan Casares e os ex reitores Senén Barro e Darío Villanueva. Foto: Santi Alvite
O Consello Social da Universidade de Santiago conmemora o seu primeiro 25 aniversario

O Consello Social da Universidade de Santiago conmemora o 25 aniversario da súa creación en xullo de 1987 coa publicación dun libro que recolle os principais acontecementos rexistrados neste período de tempo e as testemuñas dos seus protagonistas. O reitor Juan Casares e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira, presentaron o volume este luns 3 nun acto na Casa da Concha, sede do Consello O libro explica a razón de ser dos consellos sociais, a historia particular do da Universidade de Santiago –un dos primeiros Consellos creados en España– e engade ademais unha serie de entrevistas e reflexións dos presidentes, reitores e dalgúns dos conselleiros relacionados cos Consellos. Ademais dun percorrido en imaxes pola súa historia, este novo libro incorpora a relación de todos as persoas que foron membros do Consello Social, dos seus acordos e a referencia de todas as actividades realizadas. Como explicou Manuel Puga Pereira, esta publicación “reúne os trazos que nos pareceron máis significativos desta singladura”, ao tempo que representa un “exercicio de transparencia e de rendición de contas á comunidade universitaria e á sociedade en xeral” e como un engadido á publicación da memoria anual. O titular do Consello sinalou que este é un órgano colexiado de goberno universitario “bastante descoñecido e, mesmo ousaría afirmar que, non en poucas ocasións, escasamente comprendido por algúns sectores”. Como explicou, a obra se presenta tamén como unha “revisión histórica do vivido”, unha publicación “para ollar o devir no tempo desta institución, coñecer o noso momento actual, reformulármonos o futuro e deixar constancia do seu significativo percorrido”. Posto nesta perspectiva, o libro servirá como “punto de partida na análise da construción do futuro universitario e para ter unha base sólida que se poida utilizar no debate”. É, na opinión de Puga Pereira, unha análise “cunha importancia aínda maior nestes precisos momentos, nos que se está a deliberar un novo modelo de gobernanza da Universidade, do que non poden quedar fóra os Consellos Sociais”. O reitor Juan Casares asegurou que o libro permiten contemplar en perspectiva o labor do Consello Social, aquel que comeza por transmitir á sociedade e, ao mesmo tempo recibir dela, os sentimentos relativos á institución universitaria. Pero tamén, para poñer en valor o traballo de seguimento que realiza este órgano para avaliar o cumprimento dos fins da institución universitaria, presentando publicamente á universidade e participando da toma de decisións en materias como a económica. O libro O volume homenaxe arranca explicando o porqué dos Consellos Sociais e razoando dende unha perspectiva histórica a súa necesidade de creación e a súa articulación no Sistema Universitario de Galicia. O segundo apartado presenta a crónica das principais actuacións emprendidas nas distintas etapas conducidas coa pegada deixada por cada un dos presidentes, dende Emilio Pérez Nieto, continuando con Jesús García Calvo e Manuela López Besteiro, ata chegar a Manuel Puga. O libro tamén inclúe unha serie de entrevistas e reflexións dos presidentes do Consello Social, reitores e dalgúns conselleiros apuntando as propostas máis destacadas que se fixeran nos anos que estiveron participando no mesmo ou manifestando os aspectos que consideraron esenciais nas tarefas deste órgano. Para concluír, Manuel Puga reafirmou o compromiso do órgano que dirixe, porque “ traballar para ter unha universidade mellor é traballar polo ben da sociedade, é traballar, para o futuro, é abrir camiño ao desenvolvemento”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2022.