Pasar al contenido principal

Os sistemas agroforestais e a xestión sostible do monte centrarán un curso de verán da USC do 22 ao 24 de xullo no Ibader

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela acollerá do 22 ao 24 de xullo o curso de verán ‘Xestión sostible do monte: os sistemas agroforestais’. Este programa formativo dirixido polo catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro e pola profesora María Rosa Mosquera, que está estruturado en 23 horas lectivas e inclúe visitas a unha explotación de gando ovino en Arzúa e a outra de porco celta en Nebra, ademais dun percorrido pola explotación de produción ecolóxica de plantas medicinais emprazada no concello de Melide.

O secretario xeral de Medio Rural e Montes de Galicia, da Consellería de medio Rural, Tomás Fernández-Couto, falará sobre os sistemas agroforestais e o desenvolvemento rural en Europa, España e Galicia no relatorio de apertura deste curso, cuxos obxectivos pasan por dar a coñecer os principais tipos de sistemas agroforestais no territorio galego e as vantaxes da súa implantación desde unha perspectiva produtiva e medio ambiental. A valoración dos produtos do monte como elemento para potenciar o uso deste territorio, a súa apreciación e coidado, que, á súa vez proporcionan unha serie de beneficios ambientais e que están promovidos polas distintas administracións, é outra das mensaxes que pretenden transmitir os organizadores deste seminario. Os distintos relatores convidados a participar neste curso de verán da USC abundarán asemade nas vantaxes do emprego deste tipo de sistemas agroforestais en Galicia, tanto para a prevención de incendios forestais como para a conservación da biodiversidade e incluso para o secuestro de carbono. As persoas que estean interesadas en participar neste curso de verán da USC, que busca integrar a visión dos distintos axentes implicados para a promoción da implantación ou mellora da xestión deste tipo de sistemas, poderán formalizar a súa respectiva inscrición ata o vindeiro 12 de xullo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2013.