Avanzan no desenvolvemento de novos nanomateriais con aplicacións na medicina ou nas tecnoloxías da comunicación

Un equipo do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago (USC) acaba de describir por primeira vez o control selectivo, independente e simultáneo tanto da elongación como do sentido de xiro dun polímero helicoidal. O estudo –seleccionado como portada da revista Chemical Science– presenta aplicacións tanto no ámbito dos sensores como en polímeros intelixentes que responden a diferentes estímulos. O traballo publicado describe o primeiro exemplo dun polímero helicoidal dinámico que presenta unha nova propiedade, como é que tanto a súa elasticidade (grao de estirada ou compresión) como o seu sentido de xiro helicoidal (á esquerda ou á dereita) poden ser alterados á vez de modo selectivo e independente mediante a resposta do material a dúas propiedades do medio no que estea disolto (polaridade e carácter dador/aceptor). Isto quere dicir que un mesmo polímero pode adoptar catro estruturas helicoidais diferentes ao ser estimulado selectivamente para elixir unha determinada configuración –dous sentidos de rotación e dúas lonxitudes– constituíndo así un sensor con catro posibles estados. O obxectivo final da investigación é o desenvolvemento de novos nanomateriais que, mediante a combinación nova de distintas propiedades (ópticas, condutoras, magnéticas, encapsulantes…), dean lugar a nanocápsulas e outros nanocompostos con comportamento multifuncional e con aplicacións nos campos das tecnoloxías da información (almacenamento, novas tecnoloxías de visualización, novos biochips…), a óptica (filtros…), a química (novos procesos catalíticos…) e a medicina (sistemas de diagnose…). A autoría do traballo correspóndelle á investigadora predoutoral Seila Leiras, ao Ramón y Cajal Félix Freire e a José Manuel Seco, pertencentes ao Grupo de Emilio Quiñoá e Ricardo Riguera (este último recentemente premiado pola Real Sociedade Española de Química coa medalla Félix Serratosa). A investigación é a continuación de estudos anteriores publicados en Angewandte Chemie e Journal of the American Chemical Society e enmarcados nunha liña de investigación enfocada ao desenvolvemento de sensores a partir de polímeros intelixentes capaces de responder a estímulos externos. Portada da revista Chemical Science